A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, participou en Pamplona nas XXXI xornadas de coordinación de defensores que tiveron nesta ocasión como tema principal: A invasión do domicilio por ruídos : a inviolabilidade do domicilio e o dereito á integridade física e psíquica.
Organizadas polo defensor de Navarra, as xornadas contaron coa asistencia da defensora do pobo das Cortes Xerais, o defensor andaluz, o Síndic de Greuges de Cataluña, o deputado do común de Canarias, o Ararteko do País Vasco, o Justicia de Aragón, o Síndic de Greuges da Comunidade Valenciana, e o procurador do común de Castela e León.
Durante as mesmas, especialistas en diversas materias provenientes da Universidad Pública de Navarra, Tribunal Supremo, Tribunal Superior de Justicia de Navarra, Policía Foral e Municipal, así como diversos representantes de diferentes concellos, analizaron, entre outros temas, a problemática derivada do ruído ambiental e a contaminación acústica, as medidas administrativas para a prevención e control da contaminación acústica proveniente das actividades humanas, a protección penal fronte aos delitos contra o medio ambiente e a saúde, ou os mecanismos de intervención pública para controlar o ruído ambiental.
As xornadas estiveron organizadas polo defensor do pobo de Navarra e tiveron lugar no Parlamento de Navarra e desenvolvéronse durante os días, 22 e 23 de setembro. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, foi pola súa banda, a encargada de introducir ao profesor José Francisco Alenza que tratou a súa visión do tema desde o dereito administrativo.
A presidenta da Comunidade Foral de Navarra, Uxue Barkos, foi a encargada de inaugurar as xornadas xunto á presidenta do Parlamento de Navarra, Ainhoa Aznárez.
Froito desta xuntanza anual, os valedores consensuaron un documento de conclusións a modo de resumo executivo, ao que poden acceder aquí: https://www.valedordopobo.gal/wp-content/uploads/2016/09/conclusiones-xxxi-jornadas-de-defensores-pamplona-2016.doc
The comments are closed.