A valedora solicita colaboración ao defensor de Venezuela ante a grave situación dos galegos afectados polo non pagamento das pensións

22 Febreiro, 2017 Dereitos, Institución, Novas

A valedora do pobo mantén aberta a actuación de apoio aos pensionistas galegos afectados polo impago do Instituto Venezolano de Pensións desde hai máis de 12 meses. Milagros Otero dirixiu unha carta ao Defensor do Pobo da República Bolivariana de Venezuela en demanda de colaboración ante a gravidade da situación social e económica de moitos destes afectados.

Hai meses que a institución do Valedor do Pobo abriu unha actuación de oficio pola falta de pagamento das pensións a persoas galegas que traballaron e cotizaron en Venezuela. A alarma social desatada polos amplos atrasos nos pagos das pensións dos españois, moitos deles galegos, empeorou nos últimos tempos. A dilación nos pagos, que xa supera nalgúns casos os doce meses, está a desembocar en situacións críticas para persoas que, como efecto destes atrasos, poden verse privadas das súas vivendas e teñen serios problemas para o aboamento das subministracións domésticas.

Confirmada esta realidade, tamén por medio das queixas que particulares teñen achegado nos últimos meses a esta defensoría, a valedora do pobo dirixiuse agora ao Defensor do Pobo da República Bolivariana de Venezuela para “solicitar a súa colaboración en prol da pronta restitución dos dereitos das persoas afectadas”. Tal e como lle indica nesa misiva, o Instituto Venezolano de Seguros Sociais hai máis de 12 meses que non aboa as pensións referidas, o que está a provocar graves situacións persoais e familiares no ámbito económico e social.

A actuación da valedoría súmase ao actuado, á súa instancia,  desde o Defensor del Pueblo estatal que se dirixiu tamén ao seu homólogo venezolano e ás institucións españolas, sen apreciar, nestas últimas, actuación irregular algunha. Desde Madrid a defensora instou ás autoridades españolas (Instituto Nacional de Seguridad Social, INSS) a incidir en que se cumpra co preceptuado no convenio hispano-venezolano de seguridade social e se garanta o aboamento das pensión aos retornados de Venezuela.  O INSS remite cada reclamación que recibe de forma individualizada ao Instituto Venezolano de Seguros Sociales. Tamén a Embaixada de España en Venezuela da trámite as reclamacións que lle achegan as persoas afectadas por medio da súa consellería de emprego e seguridade social.

A pesar de todo isto a situación permanece enquistada. A valedora está preocupada especialmente pola vulnerabilidade do colectivo de afectados: moitos deles padecen graves problemas de saúde ou teñen discapacidades recoñecidas. A pensión é o seu único medio de subsistencia dado que pola idade ou condicións de incapacidade non poden retornar ao mercado laboral.

Milagros Otero confía en recibir pronta resposta do seu homólogo en Venezuela e atopar nel a desexada colaboración. A valedora non abandonará o seu empeño nesta causa ao entender que a dignidade destas persoas e algún dos seus dereitos fundamentais están comprometidos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal