A valedora secunda o inicio dunha queixa de oficio do Defensor del Pueblo ante a inobservancia das regras de cooficialidade lingüística por parte da Agencia Tributaria

26 Xuño, 2018 Dereitos, Institución, Novas

Durante os últimos anos, a institución do Valedor do Pobo trasladou ao Defensor del Pueblo numerosas queixas de cidadáns ante as trabas para se poder relacionar coa Agencia Tributaria en galego.


Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2018
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, dirixiu hoxe un escrito de apoio á investigación aberta pola oficina do Defensor del Pueblo ante a inobservancia, por parte da Agencia Tributaria (AET), das regras de cooficialidade lingüística.

Desde a institución do Valedor do Pobo remitíronse durante os últimos anos numerosos escritos de queixa procedentes de Galicia ante as dificultades da cidadanía de se relacionar con esta Agencia en galego.

O Defensor del Pueblo ten as competencias para a supervisión dos actos e decisións dos órganos da Administración General del Estado. É por tanto o Defensor del Pueblo o encargado de atender a salvagarda dos dereitos lingüísticos dos galegos e de tramitar as queixas neste ámbito da administración que lle chegan ben directamente ou a través da oficina do Valedor do Pobo.

Tal e como traslada a valedora ao seu homólogo estatal son constantes “as dificultades coas que se atopan os cidadáns para utilizar a lingua propia en territorios con lingua cooficial ante órganos da Administración General del Estado” que se derivan das actuacións iniciadas en Galicia, en numerosas ocasións e en diferentes ámbitos de actividade.

A apertura da investigación de oficio por parte do Defensor del Pueblo ante a Agencia Tributaria responde á persistencia dos problemas que a cidadanía das comunidades con linguas cooficiais se atopa para que se respecten os seus dereitos lingüísticos.

Tal e como lembra o Defensor del Pueblo “un obrigado tributario ten desde hai moitos anos dereito a utilizar a lingua cooficial ante a Administración General del Estado con sede nas comunidades autónomas onde esa lingua existe”.

O oficio do Defensor recolle ademais que “o uso das linguas cooficiais acada á dignidade das persoas: a elección por un contribuínte dunha lingua cooficial ten relación directa cos dereitos fundamentais e co libre desenvolvemento da personalidade. E resulta que a dignidade, os dereitos fundamentais e o libre desenvolvemento da personalidade son nada menos que fundamento do orde político e da paz social”.

Segundo argumenta a oficina dirixida en funcións por Francisco Fernández Marugán, “a cooficialidade lingüística non é unha opción administrativa, que a Agencia Tributaria está apoderada para establecer ou modular a súa aplicación no tempo, senón un dereito cidadán”. “O uso normal das linguas cooficiais non pode seguir sendo tratado pola Agencia Tributaria como un asunto de mera xestión administrativa, dunha cuestión de tradución nin de tecnoloxía” engade o Defensor en relación ás respostas recibidas do órgano tributario en sucesivas queixas abertas.

A institución do Valedor do Pobo comparte as razóns da actuación de oficio promovida polo Defensor del Pueblo, adheríndose a “todos os argumentos normativos e ás valoracións de xustiza material” contidos na iniciativa.

Desde Galicia deféndese tamén a orientación dada á actuación de oficio na busca de plans ou programas que permitan implantar, con efecto inmediato e prazo curto, o uso normal das linguas cooficiais na Agencia Tributaria antes de que finaliza o exercicio 2018.

Milagros Otero ponse a disposición do Defensor del Pueblo para a colaboración que poida precisar no marco desta actuación de oficio.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal