A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, reuniuse esta semana en Santiago cos responsables de Cinexpo, entidade que xestiona salas de cine en Pontevedra, Ourense e Vigo, co fin de aclarar malentendidos e regular en condicións de seguridade o acceso de nenos con diabetes a estes recintos.
Como conclusión do encontro, que se realizou nas dependencias da valedoría a petición da institución, tanto a valedora como os xestores das salas coincidiron en que o acceso dos rapaces diabéticos e outras persoas con necesidades médicas ou alimentarias específicas debe realizarse en condicións de seguridade e con todas as garantías. Neste sentido, a institución do Valedor do Pobo cre imprescindible protexer os dereitos destas persoas vulnerables e axudar tanto aos nenos con diabetes como a outros cidadáns que precisen portar medicamentos ou material sanitario específico. Estes dereitos deben ser compatibles co dereito a desfrutar do ocio doutras persoas presentes nas salas e cos requisitos de seguridade demandados polos responsables dos cines.
Para garantir estas medidas, a valedora ve razoable que as persoas con necesidades específicas poidan acreditalo aos responsables do control de acceso e que a entrada con alimentos sexa proporcional ás necesidades dos afectados de evitar posibles crises. Só deste xeito poderán equilibrarse os dereitos deste colectivo cos dereitos do resto da cidadanía a asistir ás proxeccións en condicións de seguridade.
A xuntanza foi convocada pola valedora do pobo co obxecto de aclarar malentendidos trasladados aos medios de comunicación nos últimos días. Durante a visita a Pontevedra no pasado mes de maio, representantes de familias de nenos con diabetes trasladáronlle a súa inquedanza polos problemas cos que se atopaban á hora de asistir ao cine cos rapaces portando mochilas. Tras un primeiro contacto coa xerencia do recinto en Pontevedra, no que se evidenciou a vontade de colaborar, a xuntanza de onte ven ratificar esa primeira impresión e permite avanzar na normalización das visitas aos cines de persoas diabéticas ou outros colectivos que precisen portar aparellos medidores, alimentos específicos, ou medicamentos.
The comments are closed.