A valedora recibiu os informes anuais da Xunta de Galicia sobre transparencia correspondentes a 2016

21 Marzo, 2017 Institución, Novas, Transparencia

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga,  recibiu hoxe de mans do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o balance estatístico do Portal de Transparencia da administración autonómica correspondente ao ano 2016. Xunto con este documento, a Xunta de Galicia entregou á valedora do pobo o informe da oficina de defensa dos usuarios dos servizos públicos e outro documento que avalía a situación dos portais municipais de transparencia.

Coa entrega, celebrada hoxe nas dependencias do Valedor do Pobo,  dáse cumprimento a unha das previsións da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, que establece mecanismos de colaboración entre a Xunta de Galicia (Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación) e a oficina do Valedor do Pobo, comisionada da transparencia na nosa comunidade.

Milagros Otero lembrou ante os medios de comunicación que Galicia é pioneira en materia de transparencia, por dispor xa desde 2006 dunha lei específica de transparencia que se mellorou en xaneiro de 2016 coa aprobación dun novo texto. “Desde o Valedor do Pobo queremos que a cultura da transparencia sexa unha forma de vida”, explicou a titular da valedoría durante a súa intervención, na que remarcou o especial compromiso que esta oficina mantén coa protección dos dereitos cidadás derivados da mesma. “Queda traballo por facer sobre todo na administración local, pero se están conseguindo xa mellores portais de transparencia”, explicou.

Hai un ano que o Valedor do Pobo despregou novas actuacións de protección en materia de transparencia ao ter atribuídas as funcións propias do comisionado de transparencia en Galicia e presidir a Comisión da Transparencia que tramita as reclamacións en materia de solicitude de acceso á información pública. Nesta etapa se desenvolveron numerosas actuacións principalmente de asesoramento á cidadanía e as administracións, tratando de avanzar para conseguir que os procedementos de reclamación sexan máis rápidos e sinxelos. “Saiban os cidadáns que teñen dereito á transparencia e nós o deber de vixiar a transparencia”, rematou a valedora indicando que “se todos remamos xuntos Galicia conseguirá seguir manténdose ao fronte da transparencia”.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal