A valedora pregunta pola tramitación das rendas de inclusión social

28 Xuño, 2017 Dereitos, Exclusión social, Institución, Novas

A institución do Valedor do Pobo abriu unha queixa de oficio ao coñecer que algúns beneficiarios tardan tres meses de media en recibir estas axudas.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, dirixiuse ao conselleiro de Política Social para interesarse polos tempos medios de tramitación das axudas de emerxencia social, en concreto a Renda de Inclusión Social, RISGA. Este interese xurdiu despois de que a valedoría tivera coñecemento de que os beneficiarios, toda vez que cumpren cos requisitos esixidos, tardan alomenos 3 meses en empezar a cobrar.

A RISGA tense convertido para moitas familias sen ingresos nin prestacións, no seu salvavidas e última opción antes de caer en situacións de exclusión e pobreza. Técnicos de servizos sociais de concellos da comarca de O Salnés informaron estes últimos días de que as persoas con dereito a percibir a RISGA tardan na actualidade unha media de tres meses en cobrar a primeira mensualidade.

Os trámites das rendas de emerxencia están protagonizados pola Xunta de Galicia e polos concellos. Non é a primeira vez que o Valedor do Pobo ten coñecemento da lentitude na tramitación da mesma con esperas de máis de 5 ou 6 meses. Parte do problema, tal e como trasladan os técnicos de servizos sociais, ten que ver coa extrema rixidez na súa tramitación. Os beneficiarios, por exemplo, non poden percibir pensións, aínda que sexan contías inferiores ás da propia RISGA. Non se concede a persoas inmigrantes sen papeis nin tampouco a quen convive no domicilio familiar xunto cos seus proxenitores.

Milagros Otero interpela ao conselleiro de Política Social na idea de coñecer de que xeito se pode mellorar a tramitación das rendas de inclusión. En concreto solicita información sobre os tempos de espera para o cobro efectivo das rendas e tamén sobre as medidas de emerxencia que tanto a administración autonómica como municipal ten previstas nese prazo de agarda. A valedora aproveita a comunicación para poder coñecer a situación das persoas que cobran pensións ou soldos mínimos por debaixo da RISGA, das que conviven na vivenda familiar e dos inmigrantes sen papeis.

A maioría das queixas tramitadas nos últimos anos pola área de servizos sociais do Valedor do Pobo referíronse a situacións de exclusión ou risco de exclusión social. Tal e como recolle o último informe ordinario da institución correspondente ao ano 2016, “as queixas por exclusión social ou risco de caer nela requiren unha resposta inmediata se non se tramitan”. Esta urxencia é a que leva á valedoría a actuar nesta ocasión, a pesares de que no pasado exercicio  se detectara un descenso na entrada de queixas fundadas nestes atrasos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal