A valedora pide en comisión parlamentaria facer da igualdade unha cuestión de Estado máis aló de consideracións partidistas

26 Abril, 2018 Institución, Novas, Transparencia

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, compareceu hoxe ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia para expor ante os 4 grupos representados na Cámara o contido máis salientable de Informe Ordinario 2017 da institución. Na súa intervención inicial incidiu na necesidade de avogar polas políticas de igualdade e pediu o compromiso de todos os grupos parlamentarios para que máis aló de consideracións partidistas consideren que a igualdade é unha cuestión de Estado.

“Solicito un cambio estrutural e pido o compromiso de todos os grupos parlamentarios para que máis aló de consideracións partidistas consideren que a igualdade é unha cuestión de Estado, do noso Estado”, indicou en sede parlamentaria, convencida de que mentres non se produza ese cambio real a sociedade galega poderá mellorar nalgúns aspectos e empeorar noutros, porque “aínda cun gran esforzo só será capaz de poñer parches a unha tea desgastada que unha vez que é cosida por unha banda rebenta pola outra”.  Son necesarias políticas sociais e financeiras de apoio á muller e ás familias pois sen nenos ningunha política pública ten futuro.

A institución puxo en marcha neste 2018 unha área adicada en exclusiva á igualdade co obxecto de contribuír de mellor xeito a asegurar a igualdade real e efectiva de todos os galegos e galegas.

Otero aludiu na súa intervención a un dos aspectos que considera “xerme” de moitos dos problemas estruturais da sociedade galega: a inversión da pirámide demográfica. “Galicia é unha Comunidade Autónoma que presenta unha proporción de maiores de 65 anos do 24,33%” asegurou e engadiu que esta situación faise “dramática” nas provincias de Lugo e de Ourense con taxas do 28,71% e do 30,65% respectivamente. En Galicia existen ao redor de 430.000 nenos e mozos menores de 19 anos e 660.000 persoas maiores de 64 o que mostra unha situación dunha pirámide regresiva. “Os servizos sociais galegos teñen que atender moitas máis persoas proporcionalmente falando que outros moitos lugares de España e deben facelo ademais en condicións estruturais máis difíciles”, lembrou e cifrou en 760.000 os pensionistas a atender na comunudade cunha poboación cotizante de 960.000 traballadores.

“As mulleres galegas levan a peor parte porque ás discriminacións que sofren e que quedaron patentes este ano no seguimento da manifestación do 8 de marzo, teñen que sumar outras cargas engadidas, pois son normalmente elas as que veñen soportando a necesidade de conciliar a vida laboral e a familiar, as que atenden de feito ás persoas maiores ou con discapacidades e as que, en suma, se fan cargo de todo”, especificou a valedora. “Esta situación é real e non debe ser disfrazada”, insistiu.

Os programas de atención á dependencia consomen en Galicia o 52% do orzamento destinado a políticas sociais, tal e como recolle o informe 2017, e aínda que se fixo un gran esforzo para incrementar os programas de prestacións ás familias e á infancia, “a realidade é que seguen sendo insuficientes”, manifestou.

“Estamos ante unha situación estrutural que esixe un compromiso serio por parte da sociedade no seu conxunto”, dixo Milagros Otero, quen cre que se ben as accións públicas de visibilización e sensibilización dunha realidade son importantes para axudar á concienciación da sociedade, débense mudar as estruturas e proporcionar unha “cobertura legal” que reverta esquemas de actuación longamente mantidos.

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal