A valedora pide ao ministro Borrell que estude demandar a Noruega ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos pola desprotección dos mariñeiros galegos sen xubilación

21 Setembro, 2018 Institución, Novas

A avanzada idade dos mariñeiros que traballaron embarcados en buques noruegueses agrava a súa situación de desprotección social, ao lles negar o país nórdico a súa pensión de xubilación.


Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2018
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, dirixiuse hoxe ao ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea y Cooperación, Josep Borrell, para implicalo na defensa dos intereses dos mariñeiros galegos que traballaron en buques noruegueses e, aos que ese país lles nega a pensión de xubilación. En concreto a valedora solicita do ministro que estude e, no seu caso promova, unha demanda estatal ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) ante a situación de desprotección social do colectivo.

A valedora remitiu unha carta hoxe ao Ministerio por medio da Delegación do Goberno en relación coa grave situación do colectivo. Os mariñeiros afectados traballaron en buques noruegueses antes da integración dese país no espazo económico europeo (1994). Ata ese momento Noruega non lles permitía cotizar na súa seguridade social, algo que só restrinxiu aos nacionais embarcados.

O propio Parlamento de Galicia aprobou de xeito unánime unha moción para requirir ao Goberno central que demande a Noruega ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por discriminar e deixar fóra do seus sistema de protección social a estes mariñeiros. Na mesma liña foi apoiada unha proposición non de lei no Congreso dos Deputados por diferentes grupos parlamentarios (Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, PSOE, Ciudadanos, Esquerra Republicana, PNV e Grupo Mixto).

Xa no mes de maio establecéronse contactos desde a valedoría co Ministerio por medio da Delegación do Goberno. A pesares da boa comunicación, non foi posible concluír se o Goberno central interviría ante o tribunal europeo.

A situación agrávase dada a avanzada idade dos afectados e nalgúns casos, polo seu estado de saúde. Así o manifestou a asociación Long Hope, que representa os seus intereses, e que se dirixiu ao Valedor do Pobo. O problema pode estar a afectar ao redor de 12.000 españois, moitos deles galegos.

A institución do Valedor do Pobo insiste unha vez máis na necesidade de analizar a viabilidade e, no seu caso promover, accións xudiciais ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

O Convenio Europeo de Dereitos Humanos impide a discriminación por nacionalidade. A situación dos mariñeiros que estiveron embarcados en Noruega vulnera ese principio, xa que as autoridades norueguesas esixen a residencia nese país como requisito para incluír no seu sistema de seguridade social aos traballadores que estiveron nos seus buques.

Na carta asinada hoxe pola valedora, rógase encarecidamente ao ministro  “o estudo e, no seu caso, a promoción dunha demanda estatal ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra Noruega polo seu eventual incumprimento do Convenio Europeo de Dereitos Humanos ou a súa intervención como terceiro na demanda dos afectados”.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal