A Valedora organiza este 23 de novembro as xornadas “Novos espazos de ciberviolencia de xénero”

20 Novembro, 2015 Institución, Menores, Novas, Violencia de xénero

A institución do Valedor do Pobo celebra este luns, 23 de novembro, na Biblioteca de Galicia as xornadas “Adolescentes e Internet. Novos espazos de ciberviolencia de xénero”, que reunirán a cen escolares galegos, acompañados dos seus docentes, en torno ao debate sobre os riscos que asumen no seu uso das novas ferramentas de comunicación.

As xornadas arrincarán cun relatorio principal de Carolina González, a community manager dos perfís sociais da Policía Nacional, que con cerca de dous millones de seguidores en Twitter e máis de 300.000 en Facebook, xa é toda unha referencia en España. A continuación abrirase unha mesa redonda acerca do sexting como práctica de risco da adolescencia, na que tomarán a palabra expertos como Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia; Adelino Pose, director IES Xulián Magariños de Negreira e membro do Consello Galego de Convivencia Escolar (representante dos directores); Teresa Egerique Mosquera, doutora da Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra (Universidade de Vigo) e Sonia Rodríguez-Boente, profesora de Filosofía do Dereito (Universidade de Santiago).


Pola tarde, os verdadeiros protagonistas serán os cen rapaces de entre 12 e 17 anos participantes nas xornadas. Proceden de sete centros escolares da comunidade: IES Castro Alobre de Vilagarcía, IES Fin do Camiño de Fisterra, IES Alfonso X O Sabio de Cambre, IES Sardiñeira de A Coruña, IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros, IES Milladoiro de Ames e IES Xulián Magariños de Negreira. Todos eles terán un papel nas dúas sesións de traballo organizadas sobre “Violencia e control” e “Xestión da intimidade”. Os seus docentes e equipos de orientadores, contarán cun grupo propio de traballo no que abordarán os mecanismos para a prevención do ciberacoso.

Antes da clausura da xornada divulgativa, todos os grupos participantes exporán ao auditorio as conclusións de cadanseus traballos.

Traxectoria

A institución do Valedor do Pobo leva desde o ano 2011 traballando a prol da divulgación dos usos axeitados da tecnoloxía entre os adolescentes da comunidade. Esta experiencia permitiu coñecer con carácter pioneiro, por medio de diferentes estudos, os hábitos que os nosos menores asumen nas súas experiencias vitais virtuais e apuntar os aspectos nos que aínda resulta preciso traballar.

Cada 25 de novembro conmemórase o día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Como recoñece a ONU, a violencia contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos e das desigualdades aínda existentes por razón de xénero. Cando se achega esta data, a valedoría ten a tradición de organizar una xornada divulgativa aberta á cidadanía para reflexionar sobre este problema desde todos os puntos de vista.

Dada a crecente a preocupación da valedora do pobo na normalización do emprego de novos mecanismos de ciberviolencia de xénero, sobre todo entre os adolescentes, nesta ocasión decidiuse dar voz aos mais novos, que sexan eles quen por medio do debate nos acheguen conclusións para seguir traballando nesta liña.


PROGRAMA DA XORNADA

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal