Imaxe da recente visita da Valedora a Ferrol

A valedora manterá un encontro coa veciñanza de Marín o próximo 6 de xuño na Biblioteca Municipal

01 Xuño, 2017 Institución, Novas

Milagros Otero Parga visita Marín o próximo martes, 6 de xuño, no marco do seu programa de apertura á cidadanía.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017. A institución do Valedor do Pobo iniciou o pasado 3 de novembro a segunda fase do seu programa de visitas aos concellos que a levará este martes, 6 de xuño, á localidade pontevedresa de Marín. O programa inclúe unha recepción na Casa do Concello por parte da Alcaldía e un encontro da valedora coa cidadanía no que esta lle pode achegar de xeito presencial as súas queixas. Precisamente a valedora quere invitar aos veciños e veciñas desta localidade a participar na sesión na que lle poderán expor, de primeira man, os problemas que lles afectan e mesmo iniciar a tramitación das súas queixas.

Milagros Otero Parga da continuidade deste xeito ao programa de achegamento á cidadanía posto en marcha tras a súa chegada á institución hai algo máis dun ano. Na primeira etapa do mesmo, a valedora desprazouse a Ourense, A Coruña, Ferrol e Pontevedra. Tras o éxito acadado nestas localidades cursou a súa invitación a outros municipios da nosa comunidade. Moitas das queixas presentadas de xeito presencial polas persoas nestes encontros atoparon solucións para os reclamantes dun xeito áxil e satisfactorio.

Este martes 6 de xuño, Milagros Otero Parga manterá un encontro institucional ás 12.00 horas coa alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez. A continuación terá ocasión de coñecer á corporación e falar ante os medios locais.

A xuntanza coa cidadanía celebrarase en horario de 16:30 a 18:00 horas na Biblioteca Municipal da localidade, na Rúa Ourense. O acceso é libre para todas as persoas interesadas. A actividade permitirá aos veciños expor de xeito directo as súas queixas á valedora e poder analizar con ela as actuais políticas públicas tanto no eido municipal, como autonómico ou estatal.

A valedora quere convidar á cidadanía de Marín a acudir a esta cita. A participación dos veciños é un dos aspectos que enriquece este tipo de actividades. Desde a institución xa se cursaron invitacións ás principais entidades do tecido asociativo da localidade, representantes veciñais, entidades económicas, culturais, deportivas e sociais pero a idea é que calquera persoa que o desexe poida asistir.

Marín é a novena localidade que a valedora visita no  marco do programa de achegamento que promove o Valedor do Pobo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal