A valedora lembra que os textos de apoio dos sinais de tráfico deben aparecer escritos en galego e en castelán segundo o regulamento de tráfico

09 Outubro, 2017 Institución, Novas, Seguridade viaria

A institución do Valedor do Pobo concluíu dúas queixas sobre a rotulación única en galego no Concello de Gondomar de varios sinais de tráfico. A autoridade municipal informou de que adaptaría os textos á normativa específica, que sinala que deben aparecer nas dúas linguas cooficiais.


Santiago de Compostela, 9 de outubro  de 2017
. A institución do Valedor do Pobo iniciou o pasado verán dúas investigacións a instancia de parte sobre senllos sinais de tráfico ubicados no acceso ao Polígono de A Pasaxe e na contorna dun instituto no Concello de Gondomar. O obxecto de ambas as dúas queixas, aínda que con sentidos contrapostos, centrouse no uso idiomático das lendas dos sinais de prohibido neses puntos, que nese momento aparecían redactadas só en galego.

Aceptadas as queixas, a valedoría pediu informe ao Concello de Gondomar, a autoridade responsable de dispoñer esa sinalización. O goberno municipal respondeu en tempo e forma ao Valedor do Pobo, indicando no seu oficio que en seguintes datas procedería a modificar os sinais para dar cumprimento á normativa específica.

Con esta información na súa man, a valedoría do pobo concluíu, sen resolución algunha, a súa actuación. Isto quere dicir que, ao anunciar a administración afectada que aplicaría a normativa específica, non foi preciso recomendar nin suxerir medida correctora algunha.

A normativa específica que afecta á queixa é o artigo 138 do Real Decreto 1428/2003, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación para a aplicación e desenvolvemento da Lei sobre Tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. Ese artigo especifica que as indicacións escritas que acompañen aos paneis de sinalización das vías públicas (lendas) figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma cando o sinal estea no seu ámbito territorial.

A aplicación da normativa específica, neste caso, pasa pola inclusión dos textos dos sinais nos dous idiomas cooficiais en Galicia, o galego e o castelán, para aplicación da regulación de tráfico. O Concello de Gondomar anunciou que aplicaría esta norma no marco da queixa que rematou a súa tramitación o pasado mes de setembro.

Ante a confusión xerada ao respecto, a institución do Valedor do Pobo quere aclarar que en ningún momento, no marco desta actuación, se defendeu a rotulación única en castelán nin a eliminación dos textos en galego. A rotulación dos sinais de tráfico, segundo a normativa específica, ten que facerse nos dous idiomas cooficiais de Galicia, galego e castelán, para maior abundamento e identificación por parte dos condutores.

A valedora do pobo poñerase en contacto durante esta xornada coa alcaldía de Gondomar para que lle informe do actuado e trasladarlle esta necesidade de rotular nos dous idiomas os sinais afectados.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal