A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, completará o próximo martes, 12 de xullo a tramitación do seu Informe Ordinario 2015, coa súa comparecencia ante o pleno do Parlamento de Galicia. Na súa intervención, que abrirá a sesión, a valedora incidirá na necesidade de reforzar a vía de colaboración xa aberta con diferentes entidades públicas co fin de contribuír a ter a “mellor administración posible” e facer que as políticas públicas galegas poñan por diante ás persoas.
“Queremos que administración galega poña por diante as persoas, que administre en todo caso pensando nelas”, explicou a valedora o pasado 4 de xullo en sede parlamentaria con motivo da exposición dos resultados do informe ordinario ante a Comisión de Peticións, e engadiu que “isto é así porque a madurez democrática non se amosa unicamente nos datos, aflora tamén cando aos cidadáns se lles explican as medidas e se lles fai participar nas decisións que lles afectan”.
Axilizar a resolución das queixas e facer do Valedor do Pobo unha institución máis sensible, máis aberta e máis próxima á cidadanía son varios dos propósitos de Milagros Otero, 10 meses despois de ocupar a titularidade da oficina. Nesta liña, nos últimos meses reforzouse a coordinación con diferentes administracións obtendo actuacións máis áxiles na resposta a situacións de especial urxencia. Así sucedeu coas consellerías de Sanidade e Vivenda nas que se apreciou nesta nova etapa un cambio de rumbo: “son especialmente sensibles ás miñas peticións e as priorizacións imprescindibles das demandas”, manifestou Otero. Tamén cos concellos que visitou a valedora do pobo desde a súa toma de posesión melloráronse as respostas e a atención á cidadanía que presenta as súas queixas ante a valedoría. É o caso de Ourense, A Coruña, Ferrol e Pontevedra coas que se estableceron canles directas de coordinación para mellorar os prazos de resposta ás queixas presentadas.
The comments are closed.