A valedora inaugura este venres un curso sobre convivencia escolar no Colexio La Salle de Santiago

18 Novembro, 2015 Institución, Menores, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, será a encargada de abrir este venres (Colexio La Salle de Santiago, 9.30 horas) un curso sobre convivencia escolar impartido por profesionais en mediación en resolución de conflitos e dirixido a persoal docente. Á actividade, neste nivel de iniciación,  asistirán medio centenar de persoas entre directivos, profesorado e mestres de infantil, primaria e secundaria, persoal de administración e servizo, todos eles procedentes de escolas católicas da comunidade.

Entre os obxectivos do curso enmárcanse, entre outros, as reflexións sobre o decreto que desenvolve a lei de convivencia e partición da comunidade educativa en convivencia escolar, facer aproximacións ao “conflito” e a súa abordaxe, analizar o concepto de mediación e os distintos modelos e ferramentas da mesma, etc.

Como experta en cuestións de mediación, xa que nos últimos anos centrou o seu estudo académico en torno á argumentación xurídica, dereitos humanos e a mediación, a valedora do pobo será a encargada de abrir o curso. Durante o resto da xornada, diferentes expertos en resolución pacífica tomarán a palabra. Entre eles, os mediadores Carlos Vila e Blanca Otero e a catedrática de Dereito Procesal da Universidade de Vigo, Esther Pillado.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal