A valedora fai fronte común co Defensor del Pueblo para que se flexibilicen os criterios das axudas do Estado para os galegos que non perciben as pensións de Venezuela

10 Xaneiro, 2018 Exclusión social, Institución, Novas

A suspensión dos pagos suma máis de dous anos e hai persoas en grave situación de empobrecemento. Seguindo criterios da valedoría, a Xunta de Galicia tramita prestacións sociais con requisitos flexibles dada a gravidade dalgúns casos. A valedora do pobo obtivo colaboración do Defensor del Pueblo que xa instou as autoridades estatais a revisar os criterios.


Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2018
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, segue a dar pasos para tratar de mellorar a situación dos emigrantes galegos afectados pola ausencia de pagamento das pensións en Venezuela. Hai máis de dous anos que estas persoas non perciben as súas pensións e desde a valedoría xa se teñe constancia de casos de empobrecemento grave. As últimas queixas recibidas refírense á denegación de axudas procedentes do Ministerio de Empleo y Seguridad Social e a imposibilidade de acceso a pensións non contributivas. Otero pediu colaboración ao Defensor del Pueblo para que instase aos órganos estatais correspondentes a aplicar criterios máis flexibles. A resposta foi positiva e o Defensor xa dirixiu tres recomendacións á Secretaría de Estado de Seguridad Social para que facilite o acceso ás prestacións.

As recomendacións que o Defensor dirixiu ás autoridades estatais están en plena sintonía coas actuacións previas despregadas pola valedora do pobo ante as autoridades autonómicas. A Consellería de Política Social xa tramita prestacións sociais de acordo coa situación destas persoas, flexibilizando os requisitos para acceder ás axudas. Un dos máis problemáticos, tanto no eido autonómico como estatal,  é que a normativa actual esixe aos afectados demostrar o impago cando o organismo oficial venezolano se nega a certificalo. Neste sentido, tanto o Defensor del Pueblo como a valedora do pobo consideran que debería bastar con medidas de proba máis sinxelas.

Ambos os dous valedores coinciden tamén na necesidade de que no acceso ás axudas non se computen como ingresos o importe das pensións non aboadas desde xaneiro de 2016. Deste xeito podería recoñecerse ás persoas en situación económica máis precaria o dereito de complemento a mínimos das súas pensións e outras prestacións de carácter non contributivo ou asistencial.

Outra das propostas pasa por instar ás autoridades a revisar de oficio o reintegro de prestacións por cobro indebido de complemento a mínimos por residencia ou as reducións de tal complemento nos exercicios 16 e 17 non que Venezuela non fixo ingresos de pensións aos beneficiarios.

Preocupación da valedora

A actuación da valedora do pobo ante o seu homólogo estatal enmárcase no conxunto de accións desenvolvidas desde hai dous pola institución dada a especial sensibilidade coa situación que atravesan os pensionistas galegos. Con carácter previo a valedora dirixiuse ao anterior e o actual defensor do pobo de Venezuela sen obter resposta; instou ás autoridades galegas (Emigración e Política Social) a asegurar axudas aos casos máis graves e mesmo involucrou neste problema á Federación Iberoamericana de Ombusman, da que forma parte, para que reprendera a falla de resposta do valedor de Venezuela.

A eliminación das trabas burocráticas existentes para o recoñecemento das prestacións, en tanto continúe o impago de pensións por parte de Venezuela, suporía un pequeno respiro dada grave situación pola que pasa o colectivo de pensionistas galegos emigrados a Venezuela, na maior parte carentes de recursos económicos alternativos para a súa subsistencia.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal