Imaxe da recente visita da Valedora a Ferrol

A valedora “escoitará” as peticións dos carballeses o próximo 26 de xaneiro nun encontro programado no Fórum da localidade

20 Xaneiro, 2017 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2017. A valedora do pobo visitará Carballo o próximo 26 de xaneiro onde desenvolverá unha completa axenda que se iniciará en horario de mañá (12 horas) cunha recepción na Casa do Concello para completarse na tarde cun encontro aberto no Fórum (16:30 horas) da localidade, ao que poden asistir todas as persoas que o desexen.

A visita enmárcase no programa de achegamento da institución á cidadanía emprendido pola actual valedora hai máis un ano, despois da súa toma de posesión. A idea consiste en poder transmitir ás persoas cales son os mecanismos para poder exercer os seus dereitos con base no principio de proximidade, en contacto directo coa veciñanza. “A cidadanía ten dereito a unha presenza achegada da valedora, é a miña vontade que así se sinta”, expón a defensora na carta remitida nestes días a representantes do tecido asociativo de Carballo e ao conxunto da sociedade desa localidade. “É o meu desexo escoitar ás veciñas e veciños de Carballo e profundizar en coñecer as súas queixas e peticións”, engade convencida de que a defensa dos dereitos humanos debe ser unha tarefa a desenvolver en rede, con implicación de todos os axentes.

Carballo é a terceira localidade elixida pola valedora nesta segunda fase de visitas aos concellos que a levou nos dous últimos meses a coñecer as inquedanzas dos cidadáns de Viveiro e de O Barco. Moitas das persoas aproveitan a presenza de Otero nas súas localidades para lle achegar queixas concretas sobre políticas publicas que lles afectan, reflexionar ante o auditorio sobre cuestións que deben melloras e coñecer a verdadeira utilidade e funcionamento da valedoría.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal