A valedora escoitará aos veciños de Curtis nunha xornada na que visitará a prisión de Teixeiro e se entrevistará co alcalde e cos membros da corporación

19 Xuño, 2017 Institución, Novas

Milagros Otero inaugurará este mércores 21 de xuño un curso da UNED no centro penitenciario de Teixeiro. A continuación se reunirá coa alcaldía e cos membros da corporación municipal. A valedora invita aos veciños a achegarlle as súas queixas en persoa ao Concello ás 12.45 horas.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase este mércores 21 de xuño á localidade coruñesa de Curtis. O intenso programa comezará ás 9.30 horas no Centro Penitenciario de Teixeiro onde será a encargada de inaugurar o curso de verán da UNED “Sociedade e Cine”. A partires das 11.30 a valedora trasladarase á Casa do Concello de Curtis para se entrevistar coa alcaldía e cos membros da Corporación municipal. Ao seu remate manterá na casa do concello un encontro coa cidadanía ao que están invitados todos os curtienses.

Milagros Otero Parga é a autoridade invitada pola Universidade a Distancia, UNED, para inaugurar este 21 de xuño o curso “Sociedade e Cine” que se celebra no Centro Penitenciario de Teixeiro. Ás 9.30 horas está prevista a súa intervención ante os cerca de 70 asistentes nesta actividade, principalmente internos e funcionarios do recinto. A valedora aproveitará a súa estancia neste centro para se entrevistar coa dirección do mesmo e someter a repaso algúns dos problemas que lle achegan os reclusos por medio das súas queixas.

Tras o paso polo centro penitenciario, a valedora do pobo trasladarase á Casa do Concello. Ás 11.30 entrevistarase co alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos. A continuación, e no marco desta recepción institucional, poderá falar con membros da corporación municipal e asinará no libro de autoridades do municipio. A valedora do pobo ten especial interese en trasladar aos representantes municipais as actuacións previstas este ano para se achegar con maior eficacia ás persoas da contorna rural, para que fagan uso da institución en favor da defensa dos seus dereitos e intereses.

Escoitará á cidadanía de Curtis

A valedora do pobo invita á cidadanía de Curtis e da súa contorna a se achegar ao concello a partires das 12.45. Aproveitará a ocasión para explicar de que xeito a institución pode servirlles de axuda. Milagros Otero en persoa escoitará e recollerá as queixas que as persoas que se trasladen á casa consistorial teñan sobre o funcionamento das administracións públicas galegas. Dará audiencia persoal a todo cidadán que desexe participar no encontro nunha sala disposta na casa municipal ao efecto.

Vai para dous anos que Milagros Otero estreou os encontros abertos á cidadanía nos distintos concellos de Galicia. Moitos dos asuntos expostos nos mesmos atopan a solución favorable ao cidadán moi pouco tempo despois de ter coñecemento a valedora. Non é necesario pedir cita. Bastará con achegarse á hora indicada á casa do concello.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal