A valedora entregou ao Parlamento de Galicia o seu Informe Extraordinario “A accesibilidade en Galicia”

28 Xuño, 2018 Dereitos, Discapacidade, Exclusión social, Institución, Novas

Tanto a valedora como as entidades que traballan coa discapacidade subliñaron durante a presentación do seu contido a necesidade de dar cumprimento á obriga de acadar a accesibilidade universal en Galicia.


Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, entregou hoxe no Pazo do Hórreo ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o Informe Extraordinario “A accesibilidade en Galicia”. Nunha rolda de prensa celebrada a continuación nas dependencias do Valedor do Pobo deuse a coñecer o contido máis salientable do documento. Tanto a valedora como as entidades máis representativas da discapacidade en Galicia, que contribuíron á elaboración do informe, subliñaron a necesidade de dar cumprimento as esixencias legais de accesibilidade universal e apelaron á implicación dos poderes sociais e da cidadanía.

Otero compareceu acompañada do presidente do Consello territorial da ONCE en Galicia, Carlos Lamigueiro; do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; do presidente da Federación de Asociacións de persoas xordas, Iker Sertucha e da vicepresidenta de Fademga Plena Inclusión Galicia, entidades todas elas que contribuíron a elaborar o informe que servirá como marco de referencia para traballar pola plena accesibilidade universal en Galicia. Como indicou a valedora do pobo “a vida cotiá reflicte que a plena accesibilidade é un desexo non cumprido” polo que “é preciso mudar esa realidade axiña facendo cumprir as leis que xa prevén os dereitos esixibles”.

Durante a súa intervención, a valedora do pobo pediu que se adopten con carácter inmediato as medidas para dar cumprimento legal á normativa cuxos  prazos venceron o pasado decembro, que obriga á accesibilidade universal a todos os bens e servizos dependentes da administración pública. Otero cre preciso instar ao sector privado a corrixir os seus servizos e a sancionar os incumprimentos da normativa.

Parte importante do traballo pendente garda relación, a xuízo da valedora, coa  necesidade de concienciar á sociedade, ensinando que “o cumprimento das medidas constitúe un imperativo de xustiza que non pode ser aprazado”.

Por todo esto, a institución do Valedor do Pobo dirixiu recomendacións á administración autonómica, para que acelere os trámites para aprobar o regulamento de desenvolvemento da Lei de accesibilidade, e impulse o Plan galego de accesibilidade e as súas axudas e para que incida en atallar os atrasos que afectan ás valoracións das discapacidades e das dependencias, así como das prestacións dos servizos que estas conlevan.

Ás entidades locais e provinciais pediuller maior dilixencia na eliminación de barreiras, nas esixencias de adaptación das obras e na oferta de prazas de aparcadoiro.

Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da Once en Galicia, denunciou durante a súa intervención que “todo o que ten que ver coa accesibilidade non ocupa nas axendas políticas nin na mediática o lugar preferente que merece”. A accesibilidade, matizou, afecta a un volume grande da cidadanía e “non só as persoas con discapacidade se ven directisimamente afectadas pola mesma”. Insistiu ademáis que   o cumprimento das condicións de accesibilidade favorecen a habitabilidade e outros dereitos como o acceso á información dos pobos.  “Marcan a diferencia para que as persoas poidan poñer en valor a súa dignidade”, afirmou.

Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, indicou que as barreiras persisten pola falta de formación e de sensibilización que “fai que se perciba a accesibilidade como un gasto imposto por lei máis que como unha inversión para o desenvolvemento do conxunto da sociedade”.

Iker Sertucha, presidente de FAXPG, afirmou que hai que “entender a accesibilidade como unha necesidade transversal” que non afecta unicamente ás persoa con discapacidade. “Todos temos que traballar de manera corresponsable para conseguir unha sociedade participativa e social”, aseverou e engadiu que cando se incumplen e non se normalizan as leis que avalan ao colectivo das persoas xordas “é onde comenza a discriminación”.

Carmela González, vicepresidenta de Fademga Plena Inclusión, tomou a palabra para alertar que resulta tremendo que habendo unhas leis que protexen a todas as persoas con dificultades, estas non se cumpran. Desde Fademga, que representa a persoas con discapacidade cognitiva, detectaron problemas principalmente de comprensión de entornos, con especial dificultade nas estacións de autobuses dos principais municipios.

O informe extraordinario hoxe presentado ao presidente parlamentario será obxecto dunha comparecencia da valedora do pobo ante a Comisión de Peticións que se celebrará nos próximos días.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal