A valedora e o adxunto participan en Madrid na primeira reunión dos comisionados de transparencia

16 Febreiro, 2016 Institución, Novas, Transparencia

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, e o adxunto da institución, Pablo Cameselle Martínez, participan hoxe en Madrid na primeira xuntanza, convocada polo Consejo estatal de Transparencia y Buen Gobierno, con representantes dos comisionados, consellos ou institucións con tarefas asignadas na vixilancia do cumprimento da normativa de transparencia.

A Ley 19/2013 de transparencia, acceso a la información pública y buen gobierno dispón que, polo menos unha vez ao ano, a comisión estatal de transparencia deberá convocar aos representantes dos organismos que, con funcións similares ás súas, fosen creados polas Comunidades Autónomas en exercicio das súas competencias. Neste sentido a Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno, aplicable ao sector público autonómico, crea o Comisionado de Transparencia e atribúe ao Valedor do Pobo o control do cumprimento das obrigas nesta materia por medio da Comisión da Transparencia, órgano colexiado independente que se lle adscribe.

 

A reunión de Madrid celebrase na sede do Consejo cunha orde do día aberta ao tratarse dunha primeira toma de contacto, dirixida a propiciar o coñecemento persoal e a colaboración entre as institucións. No caso galego, a norma se atopa en periodo de vacatio legis. Outras comunidades autónomas aínda traballan na posta en marcha das súas respectivas leis e composición de órganos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal