Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase este xoves, 20 de setembro, á localidade luguesa de Cervo, tras ser invitada polo seu alcalde, Alfonso Villares. A institución anima a todos os interesados a participares ese día nun encontro de atención directa á veciñanza. Atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar nunha xuntanza que se celebrará entre as 16.00 e as 18.00 horas no salón de actos da Casa do Mar de San Cibrao.
O programa da valedora do pobo incluirá unha visita á Casa do Concello (12.00 horas) onde se entrevistará co alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, e saudará á Corporación Municipal para tomar nota das cuestións que os representantes públicos queiran facerlle chegar.
Un dos obxectivos da visita consiste en tender pontes entre o Valedor do Pobo e as autoridades locais para manter unha comunicación fluída á hora de dar resposta áxil e eficaz ás queixas que lles afectan.
O segundo propósito da visita consiste en tratar de achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas. Para acadalo escoitará as peticións tanto dos representantes públicos como dos propios cidadáns.
A oficina do Valedor do Pobo convida a veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro programado na Casa do Mar de San Cibrao. A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados de 16.00 a 18.00 no Salón de Actos da Casa do Mar de San Cibrao. Alí poderán presentar publicamente queixas, suxestións ou facer comentarios sobre asuntos que lles preocupen e que garden relación coas actuacións dos poderes públicos. Tamén poderán pedir ser atendidos en privado, se así o desexan.
Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a comunicacion@valedordopobo.gal.
A visita a Cervo encaixa no programa de encontros que con periodicidade mensual a titular da institución realiza nun concello de Galicia. A oficina do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Cervo para organizar a xornada.
Nos últimos meses a defensora trasladouse a Tomiño, Chantada, Valdoviño, Guitiriz, Carballeda de Avia, Láncara, Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras ou Carballo, entre outras localidades.
Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.
The comments are closed.