A valedora do pobo responde unha a unha ás cartas que lle dirixiron corenta escolares de Sarria tras visitar a institución

28 Abril, 2017 Institución, Novas, Transparencia

Milagros Otero Parga remitiu con data de hoxe máis de corenta cartas manuscritas a escolares dun centro de Sarria que no mes de marzo visitaron a institución e, como recordo da xornada, lle achegaron cartas de agradecemento nas que poñían en valor as ensinanzas recibidas.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, remitiu con data de hoxe 42 cartas manuscritas a un grupo de escolares de Sarria que o pasado 10 de marzo visitaron a institución. Os alumnos, todos eles do centro A Merce de Sarria, acudiron, xunto con tres profesoras, ás dependencias do Valedor do Pobo nunha das visitas guiadas que a miúdo se organizan. Días despois fixeron chegar cadansúa carta a Milagros Otero expresando o seu agradecemento e detallando as ensinanzas recibidas.

A valedora do pobo quixo corresponder este agarimoso xesto. Con data de hoxe, Milagros Otero dirixiu 42 cartas manuscritas nas que responde en persoa a cada un dos rapaces do centro.

Nas súas respostas, a valedora do pobo incidiu na importancia de que os máis novos preserven a idea de xustiza, de non enganarse a si mesmos e de traballar en prol dos máis necesitados.

“Pídoche que busques sempre a xustiza, que protexas ao que ten dereitos e que axudes a entender a súa situación ao que non os ten”, dille a Manuel, un dos alumnos do centro. “Facer trampa é indigno cara aos demais aos que enganas pero tamén cara a ti mesmo”, respóndelle a Pablo, outros dos escolares que visitaron a valedoría.

A Nico recoméndalle que non se canse nunca de aprender “porque iso farache mellor persoa, máis sabia e reflexiva e así poderás axudar a máis xente”. “Gustaríame que tiveses esperanza, que loitases por un mundo máis xusto”, indícalle a unha das rapazas.

A Antía, por exemplo, pídelle que loite “pola verdade e polo dereito, pero faino coas armas da razón e a cortesía”. “A violencia, os berros e o enfrontamento non serven”, completa.

Nas mensaxes dirixidas pola valedora aos escolares destacan as ideas de que os máis novos manteñan intacta a súa capacidade de entender, de ser agradecidos e de traballar polos demáis. “De aquí a un pouco vós seredes as mulleres e os homes que teñan que loitar pola nosa terra para facela máis grande, confío en vós”, manifesta noutra das súas respostas.

As cartas chegarán nos próximos días aos escolares, xunto con outra na que a valedora agradece o traballo desenvolvido polo profesorado deste centro que soubo aproveitar ao máximo a visita realizada.

A valedoría recibe mensualmente 5 ou 6 grupos de escolares e estudantes universitarios que participan en visitas guiadas ás dependencias da institución. Nas mesmas reciben explicacións acerca da natureza, utilidade e funcionamento da mesma. En moitos casos, os traballos sobre a valedoría se levan á aula onde afondan no coñecemento da institución, como ocorreu co caso de Sarria.

Todos os centros interesados en participar nestas actividades poden dirixirse á institución por medio do formulario web https://www.valedordopobo.gal/solicita-unha-visita/ .

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal