A Valedora do Pobo reclama que sexa posible a prescrición de cadeiras de rodas eléctricas para todas as persoas con discapacidade e mobilidade reducida e as coidadoras

29 Xullo, 2022 actualidade, Novas, Novas

A carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e produtos ortoprotésicos establece que as persoas con limitacións funcionais graves do aparello locomotor deben ter “suficiente capacidade visual, mental e de control que lles permita o manexo de cadeiras de rodas eléctricas e iso non supoña un risco engadido para a súa integridade e a das outras persoas”.

A norma impide o financiamento das cadeiras de rodas eléctricas para determinadas persoas con discapacidade e as persoas coidadoras, con prexuízos para ambas.

Esta limitación afecta a determinadas persoas con discapacidade orixinal e sobrevida, moitas delas cun altísimo grao de discapacidade e por tanto gravemente afectadas, e tamén aos seus coidadores.

O problema afecta de forma moi relevante a determinadas discapacidades, como a parálise cerebral ou dano cerebral adquirido.

ASPACE, a entidade que ten por fin a defensa dos dereitos das persoas con parálise cerebral e das súas familias,  aportou a firme reivindicación de que as cadeiras de rodas eléctricas se prescriban e financien sen a limitación indicada.

A entidade subliña a intensidade de apoios na atención ás persoas con parálise cerebral. Unha porcentaxe importante das persoas con parálise cerebral, debido as súas grandes necesidades de apoio, requiren unha gran intensidade de apoios no seu día a día, debido a pluridiscapacidade, a presencia doutros factores, como as alteracións do
comportamento, as necesidades de apoio, como na mobilidade, e ao aumento da esperanza de vida e o conseguinte envellecemento.

Esta intensidade de apoios leva consigo un nivel de implicación tamén moi intenso de todas as persoas que forman a rede de apoio, tanto a familiar como a institucional.

Así, “a cadeira de rodas eléctrica é unha ferramenta que facilita a vida da persoa con parálise cerebral permitindo os seus desprazamentos, a súa autonomía e o acceso aos recursos da comunidade. Pero tamén facilita a vida dos seus familiares e coidadores”. En moitos casos estes vanse facendo maiores e non contar cunha cadeira eléctrica fai difícil ou imposible que a persoa con parálise cerebral poda realizar unha vida plena e acceder aos recursos.

As familias que dispoñen de recursos económicos poden facer uso das cadeiras, un grave prexuízo á equidade nos apoios á discapacidade que afecta a persoas en situación de vulnerabilidade.

A medida afecta ás persoas coidadoras na medida en que non permite “coidar a quen coida” de forma adecuada. Ao respecto Cruz Vermella sinala adecuadamente que “as persoas coidadoras non profesionais de persoas dependentes son importantísimas e cumpren unha función fundamental”, e que “o coidado das persoas maiores dependentes conxúgase en feminino, en singular e en privado”.

Efectivamente, un factor fundamental comprobado en moitas ocasións pola Valedora do Pobo é a feminización das tarefas de coidado das persoas dependentes, o que fai preciso introducir a perspectiva de xénero no tratamento do asunto.

A norma que tratamos é aparentemente neutra, pero sen embargo ten consecuencia discriminatorias, e non só na orde económica. Tamén constitúe unha discriminación indirecta, de acordo co texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

O único criterio que podería xustificar a norma sería a garantía da seguridade ambulatoria. Porén, a posibilidade xeral de manexo no caso de adquisición privada, o manexo das cadeiras por terceiros nos casos de menores, ou mesmo as axudas públicas para a súa adquisición, fan ver que esa non é a verdadeira razón da medida, senón máis ben a consideración de que o sistema sanitario non debe ser o que financie o acceso a esas cadeiras.

Ademais, concorre o impacto adverso respecto das mulleres coidadoras, que son a gran maioría das persoas que desempeñan os labores de coidados das persoas con discapacidade e/ou dependencia.

Polo exposto a Valedora do Pobo formulou unha recomendación á Consellería de Sanidade para que se defina a súa posición nos órganos de coordinación interterritorial no relativo ao obxecto da queixa; que se avalíen os argumentos postos de relevo para definir esa posición, de tal forma que a consellería promova que a prescrición das cadeiras de rodas eléctricas se dea tamén no caso de manexo precisado por persoas coidadoras; e que na promoción dese criterio se teña en conta que o recollido na actual norma pode ser causa de discriminación económica ou social e por razón de xénero.

Ao tempo, e dado que o asunto se refire a Administración Xeral do Estado, solicitamos a colaboración do Defensor del Pueblo e da Delegación do Goberno en Galicia para que avalíen os argumentos resinados e actúen como consideren no ámbitos das súas funcións.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal