A valedora do pobo recibiu os informes de transparencia do Goberno galego de 2017

21 Febreiro, 2018 Novas, Transparencia

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2018. A valedora do pobo, en calidade de comisionada da transparencia de Galicia, Milagros Otero Parga, recibiu hoxe os informes de transparencia do Goberno galego correspondentes ao ano 2017 de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda que acudiu á institución do Valedor do Pobo acompañado da directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto.

Estes documentos recollen información estatística do Portal de Transparencia do Goberno posto en marcha pola administración autonómica e acerca das suxestións e queixas achegadas pola cidadanía á oficina de defensa dos usuarios dos servizos públicos.

Milagros Otero Parga lembrou no acto de entrega que tanto a valedoría como o Goberno autonómico son, en cadanseus ámbitos, os órganos máis transparentes de España segundo os índices Dyntra de Transparencia Pública que miden o cumprimento das obrigas de publicidade activa nos sitios web das entidades. Neste sentido apuntou que “queremos seguir sendo as institución máis transparentes porque é un signo de boa saúde democrática”. “A transparencia facilita a ausencia de corrupción”, engadiu e especificou que desde o Valedor do Pobo se traballa arreo cara a conseguir “a transparencia absoluta”.

Otero comprometeu o traballo da institución para salvar algunhas cuestións que afectan ás prácticas transparentes como a lentitude da tramitación das solicitudes de acceso á información pública, a ausencia de claridade na linguaxe que emprega a administración cos seus administrados ou  a excesiva burocracia coa que se carga moitas veces aos usuarios dos servizos públicos. Tamén anunciou que someterá a estudo os prazos nos que os contratos menores, sometidos á obriga de publicidade activa na lexislación de transparencia, deben permanecer publicados nos seus respectivos portais. “O acceso ao coñecemento dos contratos ten que estar garantido”, apuntou.

Hai dous anos que o Valedor do Pobo despregou actuacións de protección en materia de transparencia ao ter atribuídas as funcións propias do comisionado de transparencia en Galicia e presidir a Comisión da Transparencia que tramita as reclamacións en materia de solicitude de acceso á información pública. Nesta etapa se desenvolveron numerosas actuacións principalmente de asesoramento á cidadanía e as administracións, tratando de avanzar para conseguir que os procedementos de reclamación sexan máis rápidos e sinxelos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal