A valedora do pobo pregunta a Audasa como evitará as habituais retencións que no verán afectan ás peaxes da AP-9

18 Maio, 2017 Institución, Novas

Milagros Otero Parga abriu unha queixa de oficio e pide información á empresa concesionaria sobre as recentes incidencias nas peaxes do Milladoiro e Vigo e sobre os mecanismos para compensar polos prexuízos aos usuarios afectados. Pregunta ademais sobre as medidas previstas para evitar as retencións habituais que se producen nas peaxes galegas no período estival.    

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, abriu unha investigación de oficio sobre as recentes retencións rexistradas en puntos da autoestrada AP-9 que afectaron ao acceso a O Milladoiro e á conexión Pontevedra-Vigo.  A alta comisionada parlamentaria está interesada en coñecer os mecanismos de compensación para o usuarios afectados nas mesmas e, sobre todo, as medidas de prevención que activará a concesionaria para evitar os graves atoamentos que nos últimos anos afectan a Galicia de xeito habitual sobre todo no período estival.

Milagros Otero dirixiu un oficio a Autopistas del Atlántico (AUDASA), concesionaria da AP-9, no que lle pide colaboración para que informe das dúas grandes incidencias rexistradas nos últimos días. Unha delas estivo motivada pola deficiente sinalización da saída cara ao Milladoiro, na contorna de Santiago, o que provocou que moitos condutores se tiveran que desviar ata Padrón, aboando a correspondente peaxe. No mes de abril tamén constan atascos importantes na conexión por autoestrada entre Pontevedra e Vigo. En ambos os dous casos as persoas afectadas víronse prexudicadas pola perda importante de tempo e por ter que aboar, a pesares destas circunstancias, a correspondente peaxe.

A valedoría pide ademais datos á concesionaria acerca de como espera evitar os atascos que nos últimos veráns se veñen repetindo nesta arteria xa que “en moitas ocasións as retencións nas peaxes se dan no verán porque as cabinas non son capaces de absorber o tráfico”. Nestas ocasións, indica a actuación de oficio, “non sempre se toman medidas para evitar os atascos e cando as colas son desproporcionadas, a autoestrada non abre as barreiras como unha consecuencia lóxica da súa responsabilidade na imposibilidade de manter un servizo adecuado ou propio dunha estrada de pago”.

Acerca das incidencias rexistradas neste pasado mes, a valedoría pide información concreta a Audasa sobre as instrucións dadas aos traballadores das peaxes, sobre a persistencia das retencións ata que se decidiu, moito tempo despois, levantar a barreira e sobre as compensacións e respostas ás reclamacións presentadas polos prexudicados.

No marco da investigación de oficio, a valedora diríxese tamén á Delegación do Goberno en Galicia para que transmita a súa preocupación ao órgano competente, o Ministerio de Fomento; así como á Xefatura da Demarcación de Estradas do Estado de Galicia para que realice as súas aportacións sobre este problema no marco das competencias que lle son propias.

En contacto recente mantido cos voceiros dos catro grupos con representación parlamentaria, a valedora informoulles da apertura desta iniciativa de oficio, obtendo o apoio de todos eles e a súa total disposición a colaborar.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal