A Valedora do Pobo participou no suplemento especial do Correo Gallego con motivo da festividade do 25 de Xullo cun artigo titulado “Igualdade de Xénero Dixital. Non camiñas soa”.

29 Xullo, 2022 actualidade, Novas, Novas

Igualdade de xénero dixital. Non camiñas soa.

Dolores Fernández Galiño

Valedora do Pobo

 

O Camiño de Santiago vaise dixitalizando paulatinamente. Hai case dous anos, este  xornal anunciaba a posta en marcha pola Catedral dunha App para obter a credencial dixital do peregrino: a Compostela dixital. Desde o ano pasado xa é unha realidade e recentemente coñecemos tamén por este medio o proxecto Non camiñas soa que  consiste noutra App para denunciar inmediatamente calquera episodio de violencia contra as peregrinas.

A dixitalización do Camiño de Santiago, da que poderiamos poñer máis exemplos, é un proceso imparable que facilita o percorrido ata a Catedral compostelá de todas as persoas que desexen completalo, en particular as mulleres. Tamén foron obxecto de especial atención por este xornal as peregrinacións de mulleres no decurso da Historia a través da serie “Abrandares na Ruta Xacobea”, nunha liña de investigación que inaugurou, anos atrás, a medievalista Marta González.

O número de peregrinas está a medrar nos últimos tempos e en 2019 xa superaba ao de peregrinos. Este progresivo crecemento que foi interrompido durante a pandemia –esperemos que só ocasionalmente– manteráse en anos vindeiros ata consolidar, como é de desexar, unha representación equilibrada de ambos os sexos.

Procesos onde conflúen a dixitalización coa maior participación das mulleres na vida pública non son privativos do Camiño de Santiago. Tamén neste caso son reflexo da sociedade e dos valores imperantes en cada momento.

A dixitalización é un reto ao que nos enfrontamos como sociedade e afectará a todos os aspectos das nosas vidas. En principio, dixitalizar non é máis que transformar os datos, os obxectos e os procesos analóxicos en datos, obxectos e procesos dixitais.

A dixitalización non só afecta á produción económica, afecta a todas as facetas das nosas vidas, en particular ás relacións laborais. Estamos a asistir a un incremento do teletraballo, á implantación de mecanismos de vixilancia laboral ata hai pouco impensables, ou á utilización da intelixencia artificial na xestión dos recursos humanos, xurdindo, por mor diso, a necesidade dunha protección dos dereitos dixitais das persoas traballadoras.

 

As mulleres están a ser especialmente implicadas neste fenómeno de dixitalización. Por unha banda, están a asumir traballos dixitalizados como o xa citado teletraballo ou nas oficinas dixitais, situacións que –de non implantarse ben a dixitalización– pode atalas a traballos precarios. Doutra banda, sofren dificultades de acceso ás contornas tecnolóxicas por mor da súa propia situación na sociedade; e así estamos perante unha fenda dixital de xénero.

Resulta moi necesario que neste proceso de dixitalización non se esqueza nunca o enfoque de dereitos humanos. A dixitalización da economía non é un fin en si mesmo, senón un instrumento para o progreso da Humanidade. En particular, a situación das mulleres debe estar considerada no proceso de dixitalización para superar as barreiras a que se ven sometidas e acadar a igualdade de xénero dixital.

O Camiño de Santiago, como xa se dixo, é reflexo da sociedade e os valores imperantes en cada momento. No actual reflíctese tanto o proceso de dixitalización, como a progresiva incorporación das mulleres en igualdade cos homes en todos os aspectos da vida. Ambos os fenómenos están interactuando de maneira positiva co Camiño de Santiago posibilitando que, grazas ao progreso dixital, mulleres e homes poidan satisfacer en igualdade a súa alta aspiración de concluílo.

A nosa petición para ao Santo Apóstolo non pode ser outra que a consolidación desta realidade, tanto no Camiño de Santiago como en todos os aspectos das nosas vidas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal