A valedora do Pobo participa na XORNADA TRANSPARENCIA E GOBERNO LOCAL, celebrada na Deputación de Pontevedra, presentando O ANUARIO TRANSPARENCIA LOCAL 2020.

22 Novembro, 2021 actualidade, Novas, Novas

Intervención completa da Valedora:

 

Bos días a todos e todas:

Quero comezar a miña intervención nesta presentación do Anuario de Transparencia Local 2020, agradecendo a invitación da Fundación Democracia e Goberno Local representada aquí polo seu director D. Ramón Camp Batalla, e ao traballo que a fundación realiza e na que se compilan as resolucións máis relevantes do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno e dos órganos de Garantía autonómicos, entre os que se atopa a Comisión de Transparencia de Galicia.

Este anuario, os que lle precederon e os que lle seguirán, son instrumentos que contribúen a unha mellor formación e unha maior difusión en materia de transparencia e acceso á información pública, e ao cumprimento dos obxectivos acordados no protocolo asinado entre os órganos de garantía e a Fundación Democracia e Goberno Local no mes de abril de 2018, para entre outros, promover e impulsar, en especial entre os destinatarios das súas actividades, o coñecemento e a interpretación das obrigacións que lles incumben por mor da lexislación de transparencia.

A transparencia das administracións públicas e dos demais suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da nosa Lei básica estatal e das normas autonómicas, e o cumprimento das obrigacións que nas mesmas se establecen, debe ser unha forma de actuar , debe integrarse plenamente na cultura das organizacións públicas e do seu persoal de forma transversal, en todos os procedementos e ser un principio que rexa todas as súas relacións coa cidadanía.

O público pertence aos cidadáns e por tanto debemos ensinalo sen complexos, dando así á cidadanía os instrumentos necesarios para que poida participar nos asuntos públicos, na organización e no rumbo que se lle dea á sociedade.

A Comisión de Transparencia de Galicia, que comezou a súa actividade no mes de maio de 2016, como órgano independente de control da transparencia, ten como misión dar resposta aos cidadáns que se consideran desatendidos na súa lexítima petición de información pública, a través da resolución das súas reclamacións, que constitúen procedementos administrativos, sometidos por tanto a control xurisdicional.

A día de hoxe, a Comisión resolveu case 800 reclamacións, que posibilitaron en moitos casos, o acceso á información que se lles denegou por silencio administrativo, ou o acceso a unha información que inicialmente se lles denegou, e que a Comisión, con base na normativa, xurisprudencia e doutrina na materia, considerou que tiñan dereito a ela. Creo que a actividade da Comisión neste período, suscitou confianza na cidadanía.

En referencia á actividade da Comisión durante o ano 2020, presentáronse 143 reclamacións ante a Comisión de Transparencia de Galicia, das cales, tal e como figura no Anuario de Transparencia Local, 27 (que representan o 18.8 %) foron contra resolucións ou falta de contestación a solicitudes de acceso á información de entidades locais, e das que lla Comisión estimou 20 delas (que representa o 74 % das resoltas).

É de destacar que o motivo das mesmas, nunha porcentaxe importante (85 %) foron reclamacións por falta de contestación por parte da entidade local á solicitude de acceso á información presentada polos cidadáns e unicamente o 15 %, por desconformidade coa resolución expresa pronunciada.

Nas resolucións da Comisión polas que se resolven as reclamacións, destácanse, os seguintes aspectos das actuacións das Administracións locais en materia de acceso á información:

  • Importancia de que por parte das entidades locais se resolva expresamente as solicitudes de acceso á información, xa que un número importante das reclamacións son por falta de resolución expresa e importancia de que se resolvan en prazo (1 mes consonte a normativa).
  • Necesidade de que, ás persoas solicitantes, se lles oriente e asesore nas súas solicitudes de acceso á información, non denegando o acceso á información cando o solicitante non identifique correctamente un acto que o concello podería perfectamente identificar. (Produciuse nun suposto no que o solicitante cometeu un erro ao referirse a unha sesión dun Pleno do Concello, cando debería referirse a unha reunión da Xunta de Goberno Local, erro que debeu ser corrixido polo Concello).
  • Se a información ou documentación solicitada non existe, ben porque non se elaborou (aínda que fose obrigatorio facelo pola normativa que lle sexa de aplicación) ou ben simplemente porque non é necesario ou non é posible elaborala porque non se dan as circunstancias para facelo, debe informarse claramente esta circunstancia ao solicitante.
  • Importancia do trámite de audiencia naqueles casos nos que o acceso á información pode afectar a dereitos ou intereses de terceiros que estean identificados na información solicitada, ao ser o trámite de audiencia un trámite esencial que, de non realizarse, pode prexudicar a intereses superiores concorrente.
  • Obrigación de que naqueles casos nos que a información solicitada este en proceso de elaboración, de proporcionarlla ao solicitante unha vez rematado o proceso, con independencia de que se houbese inadmitido a solicitude por este motivo.
  • Tramitación das solicitudes de acceso á información consonte o que estableza a súa normativa específica para aquelas materias nas que teñan previsto un réxime específico de acceso, como no caso dos edís que solicitan información ao amparo do disposto no artigo 77 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e os artigos 14 e seguintes do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, nos que exercen un dereito fundamental no exercicio dunha función representativa establecida no artigo 23 da Constitución Española.
  • Necesidade de que por parte das entidades locais non se tramiten como solicitudes de acceso á información, solicitudes que corresponden a outros procedementos, como solicitudes de emisión de certificados, de emisión de informes ad hoc ou de obtención de licenzas ou autorizacións.
  • Aplicación dos límites de forma restritiva, motivada e xustificada, procedendo unicamente a limitación de acceso á información, nos casos nos que a súa concesión supoña un prexuízo claro, concreto e superior ao interese do seu acceso. A Administración que denega o acceso ou que concede un acceso parcial, debe demostrar, e non simplemente alegar, que o acceso á información solicitada supón un prexuízo para un ben xurídico superior, ponderando os intereses en xogo, o interese público no acceso e o interese concreto que se protexe co límite e aplicado ao suposto concreto.
  • Irrelevancia de que o solicitante de información pública teña ou non relación coa administración local requirida, coa materia da que solicita información, ou o seu lugar de residencia. O dereito de acceso á información pública non vén determinado polo feito dun interese concreto ou específico do solicitante, nin está condicionada á acreditación da súa condición de solicitado, debendo calquera solicitude cuxa materia non estea excluída ou limitada no seu acceso pola normativa vixente, ser resolta non sentido de conceder o acceso á información, porque a transparencia implanta no ordenamento xurídico o dereito da cidadanía para solicitar dos seus gobernantes, das súas Administracións e de calquera entidade que manexe fondos públicos, calquera información pública que xulgue oportuna.
  • Consideración dos tribunais de selección de empregados públicos, como órganos administrativos de carácter técnico ao servizo da Administración, polo que a información que se atope na súa poder (criterios de corrección empregados nas probas selectivas, enunciados de preguntas, persoais de respostas, contidos mínimos que deben incluír a resolución dun suposto práctico, etc ) é información pública, xa que son documentos que teñen relevancia ou interese público, por canto xogan un papel crucial para garantir a obxectividade do tribunal, e da súa aplicación vai depender algo de tanta relevancia para interese público como é a selección das persoas candidatas a un emprego público. O carácter técnico destes órganos non debilita a súa natureza administrativa, nin os exclúe de formar parte da Administración pública. A referencia legal ao seu funcionamento segundo criterios de discrecionalidade técnica, reforza a necesidade de someter a súa actividade e as súas decisións ao escrutinio público, pois para o necesario control desta discrecionalidade e para acreditar o seu exercicio obxectivo e ponderado, resultan singularmente esixibles a existencia e o acceso á información que manexan estes órganos para a toma das súas decisións.

O tribunal de selección como órgano administrativo de carácter técnico está  sometido no seu funcionamento á normativa dos órganos colexiados, debendo garantirse a súa independencia e discrecionalidade técnica, calidades que implican a súa capacidade de tomar decisións libres de mandatos xerárquicos, baseadas nolos seus coñecementos e competencias técnicas, que deben aplicar segundo criterios discrecionais, e son precisamente estes elementos os que reforzan a necesidade de someter a súa actividade e as súas decisións ao escrutinio público, pois para o necesario control desta discrecionalidade e para acreditar o seu exercicio obxectivo e ponderado, é imprescindible a existencia e o acceso á información que usan estes órganos para tomar as súas decisións, e máis se serve para obxectivalas. O acceso a este tipo de información é obrigado en coherencia cos principios de publicidade, transparencia e obxectividade, entre outros, que establece a lexislación vixente para rexer os procesos de selección para o emprego público.

  • A necesidade de identificar nos casos nos que se solicita, ao persoal funcionario que participó nun determinado expediente. Ao tratarse de datos meramente identificativos do persoal ao servizo dunha Administración, están sometidos ao réxime xeral de acceso, polo que, por regra xeral, debe concederse o acceso á información dado que a normativa de protección de datos persoais non o impide, e sen que sexa necesario o consentimento da persoa afectada.

Unicamente poden existir casos excepcionais nos que deba prevalecer a protección dos datos persoais ou outros dereitos constitucionalmente protexidos en atención a circunstancias persoais e extraordinarias, como poden ser, entre outros, supostos nos que deba evitarse a divulgación da súa identidade e lugar de traballo atendendo á especial vulnerabilidade da persoa, ou se a súa vida ou a súa integridade están ameazadas por calquera motivo. Nestes casos é necesario abrir previamente trámite de audiencia á persoa da que se solicitan os datos para que poida realizar as alegacións oportunas, xustificando, de ser o caso, os motivos polos que se opón ao acceso. Unicamente nestes casos excepcionais, unha vez alegados e xustificados pola persoa afectada e ponderado pola Administración, o acceso aos datos identificativos do persoal público pode ser restrinxido ou limitado.

Nestes aspectos, e aqueles nos que nos poida ir demandando a cidadanía, son nos que debemos seguir traballando para conseguir o maior grao de transparencia posible desde as entidades que conforman a Administración Local e desde os organismos de control en materia de transparencia, traballo que redundará nunha maior participación da sociedade nos asuntos públicos e nunha sociedade máis democrática.

Grazas Ramón polo traballo realizado polo equipo da Fundación, para o que sempre terás a colaboración da Comisión de Transparencia de Galicia.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal