A valedora do pobo estrea en Ourense as súas visitas aos concellos de Galicia para ofrecer atención directa á cidadanía

26 Outubro, 2015 Institución, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, desprazarase este xoves 29 de outubro a Ourense para celebrar o primeiro dos seus encontros coa cidadanía de diferentes concellos, no marco do programa de descentralización da oficina aberto despois da súa toma de posesión o pasado 2 de setembro. Milagros Otero atenderá aos veciños que o desexen no Auditorio Municipal de Rúa da Canle, en horario de 16.30 a 18 horas.

As persoas que se acheguen ao recinto poderán escoitar á valedora, que ofrecerá inicialmente unha breve charla informativa para pasar a continuación a manter entrevistas cos cidadáns que desexen achegarlle as súas queixas, consultas ou impresións.

Desde a oficina da valedora do pobo invítase a participar nesta actividade a todas as entidades que conforman o tecido asociativo da cidade, en concreto as de carácter cívico, veciñal, social ou cultural.

Milagros Otero Parga celebra deste xeito a primeira das súas visitas a concellos despois da posta en marcha da súa iniciativa de achegamento ás persoas, que a levará a manter encontros periódicos coa cidadanía nos seus lugares de residencia. Xa remitiu invitacións aos alcaldes dos sete principais concellos da comunidade, aínda que a idea consiste en estender o programa a todos os recunchos da nosa xeografía. Ourense foi a primeira localidade en por a dispor da valedora a infraestrutura necesaria, seguida de Ferrol e A Coruña, enclaves que visitará  a oficina móbil da valedora nas vindeiras semanas.

Un dos obxectivos da nova valedora pasa por afirmar a súa contribución á creación dunha auténtica cultura de dereitos entre a poboación e transmitir cales son os mecanismos para poder exercelos. A súa vontade consiste en facelo con base no principio de proximidade, en contacto directo coa poboación xa que a cidadanía, como quere facer chegar aos alcaldes, ten dereito a unha presenza achegada da valedora.

Milagros Otero apela á colaboración dos concellos nesta primeira fase de encontros. As actividades de atención directa á veciñanza celébranse de xeito presencial, e con participación da valedora, en espazos municipais de carácter veciñal, cultural ou social que determinen as institucións.

Desde o Valedor do Pobo considérase que a defensa dos dereitos humanos debe ser unha tarefa a desenvolver en rede, con implicación de todos os axentes públicos. Convídase aos municipios interesados en contar coa visita da valedora a solicitalo por medio do correo electrónico: valedor@valedordopobo.gal.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal