A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, solicita a intervención dos Defensores del Pueblo de España e  de Filipinas para aclarar o caso de Diego Bello.

29 Decembro, 2020 actualidade, Novas, Novas

A Valedora do Pobo iniciou diferentes actuacións despois da entrevista mantida coa familia de Diego Bello, que trasladou diferentes peticións en relación coa súa morte violenta en Filipinas, en especial que se esclareza o sucedido e se xulguen as responsabilidades que correspondan.

Un informe da Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas (CDHF) conclúe que “a morte de Diego… podería considerarse unha execución sumaria” e que “existen dúbidas sobre o cumprimento por parte do equipo… das directrices operativas”, polo que “a alegación de autodefensa ten nunha base inestable”.

A Valedora solicitou a colaboración da Delegación do Goberno en Galicia para que se trasladara o informe da CDHF como denuncia do acontecido. A Delegación respondeu que a Embaixada e o Consulado Xeral trasladaron o informe á familia, que “elevouse” á Oficina Nacional de investigación Filipina e ao Defensor del Pueblo Filipino, e que dende entón “veñen facendo multitude de xestións para interesarse pola tramitación do caso nestes organismos e coñecer de primeira man como avanza a investigación neles”.

Por outra banda, a web do M.AA.EE. mencionaba o caso de forma que non parecía adecuada. O ministerio respondeu que xa procedera a adaptar o contido.

Coa finalidade de esclarecer uns feitos que poderían vulnerar o dereito fundamental máis básico e, así, dar mínima satisfacción á familia e achegados de quen ben parece vítima,  nos diriximos ao Defensor del Pueblo e ao Ombudsman (Defensor do Pobo) da República das Filipinas, que, segundo a información proporcionada, é unha das institucións do país ás que se elevou o informe da CDHF sobre a morte violenta de Diego.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal