A valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, inaugura o curso de verán sobre “Constitución e dereitos: Arte e Cultura para os dereitos humanos”, que se celebra no Centro Penal da Lama.

02 Setembro, 2021 actualidade, Novas, Novas

A miña felicitación ás institucións e persoas organizadoras por este curso de verán sobre “Constitución e dereitos: Arte e Cultura para os dereitos humanos”, que se celebra no Centro Penal da Lama. Unha felicitación que non é oca, ou meramente formularia, senón que obedece, principalmente, a dúas consideracións que paso agora a explicar.

En primeiro lugar, a miña felicitación porque este curso reúne na súa temática dous tópicos que, en principio, obedecen a diferentes disciplinas: a arte e o Dereito. Con todo, a arte  é unha ferramenta na loita polos dereitos humanos, e os dereitos humanos son, ante todo, Cultura.

Moitos exemplos se poden citar para corroborar que a arte é unha ferramenta na loita polos dereitos humanos. Quen se dedica á Arte ostentan unha sensibilidade especial que non está ao alcance de todas as persoas, e iso fai que, simplemente pola súa propia iniciativa, se sintan inclinados a defender causas xustas a través das súas obras de arte coa dobre finalidade de educar en xustiza e transformar a sociedade. Vénnos á cabeza El Quijote, a non dubidalo como un exemplo de loita contra a inxustiza.

En non poucas ocasións, a persoa do artista é ademais vítima da inxustiza. Cantos artistas viviron no exilio e, desde o exilio, loitaron contra o réxime autoritario que os expulsaba do seu país. Exemplos moitos atopamos na nosa historia recente, como foi o caso de Picasso, ou, xa por poñer un exemplo aínda máis próximo, Castelao.

Tamén a arte intersecciona cos dereitos humanos cando a arte se manifesta como unha forma de reparación ante unha violación de dereitos humanos, incluso unha forma de reparación esixida xudicialmente. A Corte Interamericana de Dereitos Humanos ditou numerosas sentenzas nas cales se condena aos países a erixir monumentos como forma de reparación das vítimas de violacións de dereitos humanos.

E os dereitos humanos son, ante todo, Cultura. A nosa Constitución, no seu artigo 1, considera como valores superiores do ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político. Uns valores superiores que nos conducen a unha determinada cultura política onde os dereitos humanos son a materia prima esencial coa que se edifica unha sociedade xusta, democrática e avanzada.

A miña felicitación proxéctase, en segundo lugar, sobre outra circunstancia que concorre neste curso de verán, e é a súa celebración no Centro Penal da Lama. Quero destacar esta circunstancia pola relación que existe entre as prisións, a cultura e os dereitos humanos.

Por unha banda, as carencias educativas foron, para moitas das persoas presas, a causa de delinquir e de ser condenados. Ao mesmo tempo, a educación é un mecanismo adecuado para a reinserción social que proclama o artigo 25 da Constitución Española.

Doutra banda, e sen abandonar este artigo 25, as persoas condenadas a pena de prisión que estiveren a cumprir a mesma, a excepción obviamente dos que se vexan limitados polo contido da condena, non se ve privado dos dereitos fundamentais que a Constitución lle recoñece como cidadán, incluíndo a liberdade artística.

Un acerto, pois, a confluencia de Arte e Cultura e Dereitos humanos nun curso impartido neste Centro Penal da Lama. Só me queda desexarlles que gocen dos interesantes relatorios que no mesmo se desenvolven, coa presentación do proxecto arte e cultura para os dereitos humanos, e que examinan a relación das artes escénicas, da pintura, do xornalismo, da novela ou do cine, cos dereitos humanos, e os dereitos dos reclusos no ámbito artístico

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal