A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño e a Plataforma de Infancia de Galicia (POIG) celebran unha xornada para conmemorar o Día Universal dos Dereitos da Infancia, na institución da Valedora do Pobo.

19 Novembro, 2021 actualidade, Novas, Novas

Esta mañá celebrouse na sede da Valedora do Pobo unha xornada de reflexión sobre o enfoque dos dereitos da infancia ao fío da presentación do informe anual da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia.

A xornada iniciouse cunha sesión de traballo na que participaron Javier Rey Ozores, Fiscal Xefe da Audiencia Provincial da Coruña, e Elena Rodríguez, psicóloga, coas súas achegas sobre a situación dos menores vítimas de delitos sexuais e acoso escolar. Trátase de dúas concrecións dos malos tratos á infancia e á adolescencia caracterizadas por seren para ás vítimas unha fonte de enorme sufrimento. Desde a Fiscalía ofreceuse unha total colaboración coas entidades membros da Plataforma e con todas as persoas afectadas para tentar dar respostas áxiles e adecuadas a estas situacións. Sobre o abuso sexual intrafamiliar, os datos rexistran un incremento significativo dos casos. Nos supostos de acoso escolar é salientable que, en moitos casos nos que se inicia un expediente de reforma, os centros escolares non abriran sequera o protocolo educativo para a súa prevención e detección. De feito, non hai constancia de que se teñan iniciado actuacións na Fiscalía a instancias dos centros educativos.

En calquera caso, todo o que non sexa prevención chega tarde e, as veces, ese incremento destas situacións atópase con servizos de intervención saturados e listas de espera para a atención de vítimas de violencia sexual, o que só pode cualificarse como unha situación dramática.

O obxectivo é crear sociedades sas e seguras, escolas sas e seguras e familias sas e seguras, evitando o dano que estas formas de malos tratos xeran na infancia e na adolescencia e que, en moitas ocasións, só aflora na idade adulta. As vítimas de acoso escolar senten moitas veces culpa e vergoña. As vítimas de violencia sexual intrafamiliar senten un terrible desamparo ao xurdir o dano daqueles que conforman o seu núcleo familiar ou dos adultos de quen dependen. En ambos casos, a cronicidade típica destas situacións agudiza o seu impacto nos nenos e adolescentes, obrigados ademais a convivir e estar expostos diariamente á fonte do seu maltrato.

A Valedora do Pobo subliñou a necesidade de actuacións coordinadas e urxentes na loita contra estes tipos de violencia que teñen tanta facilidade para quedar invisibilizados, e un permanente compromiso na sensibilización social fronte á realidade destes abusos para fomentar unha rápida reacción de denuncia, sumar esforzos entre todas as organizacións e entidades responsables, capacitar ás persoas para a súa detección, evitar vitimizacións secundarias e avaliar os seus efectos na saúde mental infanto-xuvenil e as súas repercusións noutros ámbitos da vida e do desenvolvemento da infancia e da adolescencia.

Na súa exposición do traballo da Plataforma, Xesús María Vilas Otero, presidente da POIG, salientou os aspectos máis relevantes do informe anual, incidindo na necesidade de avaliar a estratexia galega de infancia e adolescencia programada ata 2020; de facer unha nova planificación plurianual; de desenvolver mecanismos locais de participación infantil; de atallar o incremento das taxas de pobreza infantil ou risco de pobreza na nosa comunidade autónoma e de traballar na eliminación de todas as formas de discriminación contra a infancia e á adolescencia.

O informe contén diversas propostas para abordar as políticas públicas relacionadas coa infancia dende un enfoque de dereitos, concentrando os esforzos na prevención como un modelo de acción máis necesario que nunca. A postpandemia se presenta como unha situación crítica e chea de incertezas. Pero en toda situación de crise, na que o futuro parece comprometido, aparecen tamén as oportunidades.

As políticas públicas de inversión vanse reforzar nos vindeiros anos cos fondos Next Generation da Unión Europea, con plans centrados na  reparación das consecuencias sociais e económicas da pandemia e na transición cara a sociedades europeas máis xustas e sostibles. O informe conclúe que “Semella un marco adecuado para facer da loita contra a pobreza infantil unha opción estratéxica que comprometa a toda a sociedade galega e para abordar
moitas das carencias das políticas e servizos sociais que teñen como misión principal a protección dos nenos, nenas e adolescentes máis vulnerables e garantir os seus dereitos.
Como entidades que traballan cos nenos e nenas, poñemos sobre a mesa as nosas preocupacións coma unha contribución ao debate público e dende unha visión esperanzada sobre a capacidade de Galicia para avanzar na mellora da situación da súa infancia”.

A este obxectivo confiamos que teña contribuído esta xornada de traballo na institución da Valedora do Pobo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal