A valedora do pobo desprázase a Boqueixón este 30 de outubro para atender as peticións da veciñanza

26 Outubro, 2018 Institución, Novas, Transparencia

Milagros Otero entrevistarase previamente co alcalde e membros da Corporación Municipal na Casa do Concello. A partires das 16.20 manterá un encontro aberto coa cidadanía e con escolares do CPI Antonio Orza Couto que participarán na sesión.

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrará en Boqueixón unha nova xornada para achegar a institución á cidadanía. O encontro comezará ás 12 horas na Casa do Concello onde se celebrará unha recepción institucional. Xa pola tarde, a valedora desprazarase ao CPI Antonio Orza Couto, onde manterá un encontro con escolares dos últimos anos de Primaria e atenderá as consultas e queixas que a cidadanía interesada lle queira achegar.

A institución do Valedor do Pobo celebra unha xornada completa de traballo no Concello de Boqueixón este martes 30 de outubro. A partires das 12.00 horas, a valedora do pobo participará nunha recepción institucional na Casa do Concello. Na mesma, Milagros Otero Parga, entrevistarase co alcalde e membros da corporación municipal co fin de establecer canles fluídas de comunicación e tratar algúns dos asuntos contidos nas queixas que afectan a este concello.

Xa pola tarde, a valedora desprazarase ao CPI Antonio Orza Couto, no lugar do Forte, no mesmo concello. A dirección do centro facilitou o seu salón de actos para celebrar a sesión de encontro da valedora coa cidadanía de Boqueixón. Na mesma tomarán parte ademais alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria que adoitan participar nos plenos infantís que organiza o Concello de Boqueixón.

A invitación da valedora do pobo fíxose chegar tamén aos representantes do tecido asociativo.

A oficina do Valedor do Pobo convida a veciñas e veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro programado no CPI Antonio Orza entre as 16.20 e as 18.00 horas. A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados. Alí poderán presentar publicamente queixas, suxestións ou facer comentarios sobre asuntos que lles preocupen e que garden relación coas actuacións dos poderes públicos. Milagros Otero contestará en persoa a cada unha das cuestións que se lle expoñan.

Un dos obxectivos deste tipo de visitas consiste en tender pontes entre o Valedor do Pobo e as autoridades locais para manter unha comunicación fluída á hora de dar resposta áxil e eficaz ás queixas que lles afectan.

O segundo propósito consiste achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas.

A visita a Boqueixón encaixa no programa de encontros que con periodicidade mensual a titular da institución realiza nun concello de Galicia. A oficina do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Boqueixón e polo seu departamento de Educación e Cultura para organizar a xornada.

Nos últimos meses a defensora trasladouse a Tomiño, Chantada, Cervo, Valdoviño, Guitiriz ou Carballeda de Avia, entre outras localidades.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal