A adquisición de coñecementos alleos aos plans de estudo non pode condicionar a obtención dos graos universitarios

27 Marzo, 2018 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, congratúlase de que unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considere ilegal que a universidade pública condicione a entrega do título aos alumnos á acreditación de coñecementos non impartidos nos plans de estudio. En concreto, a sentenza fai referencia a esixencia dun nivel B1 de idioma estranxeiro para poder obter un título, cando esta materia non estaba incluída no plano de estudos nin tiña docencia no marco do mesmo.  A valedoría alertara xa en 2015 desta situación, sen obter unha resposta favorable, polo que se felicita da sentencia na confianza de que sirva para corrixir actuacións en favor do estudantado.

Milagros Otero considera que non cabe supeditar a expedición dun título universitario oficial “a requisitos ou esixencias de coñecementos transversais ou outras competencias determinadas por normativa universitaria interna, á marxe do plan de estudos oficial publicado no Boletín Oficial del Estado (BOE)”. O feito de que as memorias dos títulos obvien este condicionante no momento de elixir estudos deixa en situación de indefensión aos estudantes que, aparte de cursar os seus créditos de Grao, teñen que investir tempo e cartos en adquirir eses coñecementos transversais.

Unha sentencia do TSXG vén de coincidir con esta argumentación da valedora. O ditame da Sección Primeira da Sala do Contencioso deste Tribunal evidencia que, unha vez revisado o plan de estudos resumido por módulos e cursos “non aparece por ningunha parte a esixencia de coñecemento do nivel B1 dunha lingua estranxeira, nin sequera de coñecemento transversal, polo que non cabe impoñer este coñecemento para a obtención do título de grao”.

A institución do Valedor do Pobo aplaude a sentencia na confianza de que repercuta na implantación de medidas correctoras no eido universitario, que melloren a progresiva incorporación aos plans docentes deses coñecementos complementarios tan importantes para a formación universitaria.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal