A valedora do pobo consigue que se garanta por lei a Risga a persoas que desenvolvan empregos moi pouco remunerados

13 Setembro, 2018 Dereitos, Exclusión social, Novas, Queixa de oficio

A valedora do pobo emitiu unha recomendación para que a Consellería de Política Social revisara a suspensión da renda a unha familia na que entraron pequenos ingresos, inferiores á Risga, por traballos por horas minimamente remunerados.  

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018. Unha actuación da valedora do pobo iniciada de oficio ante o caso dunha familia que perdera a renda de integración social (Risga) porque algún dos seus membros atopara un traballo por horas pouco remunerado, permitirá cambiar a realidade das familias en risco de exclusión social.  A Consellería de Política Social vén de aceptar as recomendacións da valedoría e garantirá por lei o cobro inicial e o mantemento da renda cando os ingresos da unidade familiar sexan menores que a contía que lles corresponda na prestación.

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, xa alertou no seu informe ao Parlamento de Galicia correspondente ao ano 2017 do problema da denegación da renda de inclusión social cando o solicitante conseguía un traballo parcial pouco remunerado, que non lle sacaba da súa situación de vulnerabilidade. A administración autonómica recoñecía nestes casos que a Risga era compatible co traballo con ingresos inferiores á mesma, que eran descontados. O mesmo criterio non se viña aplicando nos casos de primeiro acceso á Risga debido á regulación existente.

Desde a institución do Valedor do Pobo recomendouse a revisión da suspensión da renda que afectou a unha familia cuxos membros conseguiran un traballo por horas con ingresos moi pequenos. Tamén se lle instaba á administración a modificar a normativa para ofrecer máis garantías.

As propostas da valedora do pobo foron atendidas con carácter xeral. A consellería de Política Social xa incluíu no borrador do decreto de desenvolvemento da Lei 10/2013 de inclusión social a posibilidade de percibir a Risga a persoas que obteñan ingresos derivados da súa actividade laboral inferiores ao importe da renda. A consellería anunciou ademais á oficina da valedora que vai tramitar esa disposición como unha modificación legal, o que permitirá acceder á prestación a persoas con empregos precarios ou a tempo parcial con ingresos tamén inferiores.

Sobre o caso concreto da familia afectada, a institución do Valedor do Pobo instou á consellería competente a evitar a retirada íntegra da Risga e a desistir do reintegro de todos os “ingresos indebidos” a esta unidade familiar, aspectos estes aínda pendentes de aclarar no marco da investigación, que permanece aberta.

Desde a institución do Valedor do Pobo apláudese a positiva acollida da recomendación, o que garantirá que persoas con empregos minimamente remunerados, inferiores aos propios da Risga, poidan acceder a esta prestación. A alta comisionada parlamentaria permanecerá atenta ao cumprimento do compromiso acadado e vixiará a efectividade das medidas anunciadas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal