A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, compareceu hoxe ante o pleno do Parlamento de Galicia para expor o contido máis salientable do Informe Ordinario 2015 da institución. Con esta intervención conclúe a tramitación parlamentaria da memoria anual do Valedor do Pobo, que xa foi debatida ante a Comisión de Peticións hai unha semana.
Ademáis de expor os principais asuntos que suscitaron a preocupación da cidadanía no ano 2015, a valedora aproveitou a súa exposición para propor o seu proxecto para a valedoría nos próximos anos. “Quero conseguir unha institución máis sensible, máis aberta, máis próxima aos problemas dos cidadáns e máis eficaz na miña interlocución cos poderes públicos”, resumiu. Otero engadiu que ansía lograr uns procedementos máis rápidos e sinxelos, así como unha forma de comunicación cos cidadáns transparente. “Quero que estes sintan que a valedora está para amparalos, e que aínda que non sempre poida facelo, sempre estará á súa disposición para atender o seu caso e tentar solucionalo”, engadiu.
Milagros Otero amosou a súa confianza plena na mediación e na interlocución, así como na educación en dereitos, na cultura da paz e na necesidade de empatizar coas persoas e cos seus problemas. Para conseguilo apelou a necesidade de colaboración de todos: dos cidadáns “para que usen a institución do Valedor do Pobo para a reclamación do que necesiten” e aos poderes públicos “para que sexan máis sensibles coas necesidades das persoas e máis rápidos á hora de responder ás múltiples peticións que se lles envían”, enfatizou. Como colofón ofreceu a todos o seu compromiso de traballo e adicación permanente, así como o seu esforzo para coñecer os problemas reais dos galegos e as necesidades de quen solicita o amparo da institución: “Sen dúbida o pobo galego ten problemas no exercicio dos seus dereitos, como calquera outro, pero dispón dun capital humano capaz de enfrontalos. Eu confío neles”, concluiu.
The comments are closed.