Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrou onte en Valdoviño unha nova xornada de atención á cidadanía. Ante unha vintena de persoas congregadas no salón de plenos do Concello de Valdoviño, explicou as súas funcións e os mecanismos para presentar unha queixa na institución. Os asistentes tomaron a palabra para lle expresar os problemas concretos que lles afectaban e que se materializarán en queixas que hoxe mesmo inician a súa tramitación.
Entre os problemas expostos polas persoas asistentes destacan en especial os relacionados coa área de obras e urbanismo, taxas municipais e cuestións como o transporte público, os incumprimentos das prácticas contra incendios e mesmo as demoras da dependencia.
Previamente, a valedora do pobo reuniuse co alcalde da localidade, o socialista Alberto González, co obxecto de poder establecer canles áxiles de comunicación e dar resposta eficaz as queixas que afecten a este municipio.
A de Valdoviño é a segunda visita que a valedora realiza a concellos de Galicia no que vai de ano, despois de se trasladar a Guitiriz en xaneiro. É intención da institución intensificar a presenza da valedora en diferentes localidades e programas un desprazamento ao mes para estar máis cerca dos galegos. O programa de visitas aos concellos funciona con éxito desde hai dous anos. As queixas que expoñen os cidadáns nestes encontros adoitan a ser respondidas nun prazo curto de tempo e a obter unha resposta favorable das administracións afectadas.
The comments are closed.