A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladouse este mércores 18 de maio á cidade de Pontevedra para manter unha xornada de encontro aberta á cidadanía. A actividade, programada na Casa das Campás, permitiu aos interesados expor de xeito directo as súas queixas á valedora e poder analizar con ela as actuais políticas públicas tanto no eido municipal, como autonómico ou estatal.
A visita levou primeiramente á valedora, Milagros Otero Parga, e ao seu adxunto, Pablo Cameselle Martínez, a manter un encontro institucional co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. No mesmo, os representantes públicos tenderon pontes cara a mellorar a atención á cidadanía.
Na actualidade, a institución tramita un total de 20 queixas de persoas procedentes de Pontevedra. En moi poucos casos afectan directamente á xestión municipal. Así as cousas, tras reunirse co alcalde e cos voceiros dos diferentes grupos municipal, informou de que máis dun cento de persoas queixáronse sobre as deficiencias do funcionamento da liña de transporte en autobús entre Bueu, Marín, Pontevedra y Vigo.
Xa pola tarde, ás 17 horas, a valedora do pobo, Milagros Otero Parga, presidiu a xornada de encontro coa veciñanza celebrada na Casa das Campás coa idea de aceptar as queixas que se formulasen nese recinto, tomar nota e atender a todas as peticións como se presentasen por medio do rexistro da valedoría.
O encontro, que se prolongou por case 3 horas, unha máis do tempo previsto, permitiu formalizar un total de 10 reclamacións, aínda que un bo número de persoas tomaron a palabra para tratar asuntos de moi variada natureza, como os problemas das persoas con hipoacusia pola ausencia dos chamados bucles magnéticos que lles facilitan a audición, a presenza de postes eléctricos en terreos de particulares, a ausencia de saneamento na zona de Estribela, problemas no acceso con mochilas aos cines da cidade por parte de persoas que precisan medicación e útiles sanitarios, ou deficiencias de vivendas sociais de recente adxudicación.
Milagros Otero examinará todas estas queixas con caracter inmediato, tal e como comunicou aos asistentes, máis de medio cento de persoas.
Pontevedra é a cuarta cidade que a valedora visita desde que pouco despois da súa toma de posesión, o pasado 2 de setembro de 2015, estrease un programa de achegamento á cidadanía galega. Ata o momento celebrou con éxito encontros en Ourense, A Coruña, Ferrol e agora, Pontevedra.
The comments are closed.