A valedora convida os barquenses a presentarlle hoxe as súas queixas no salón multiusos do concello

14 Decembro, 2016 Institución, Novas

20 de decembro de 2016. A institución do Valedor do Pobo iniciou o pasado 3 de novembro a segunda fase do seu programa de visitas aos concellos que continúa hoxe coa visita da Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, ao Barco de Valedeorras. O programa iniciouse cunha recepción no Concello por parte da Alcaldía e da Corporación Municipal, así como coa firma da Valedora do Pobo no libro de honra deste concello. Esta tarde a valedora manterá un encontro coa cidadanía no salón multiusos do concello, onde poderán achegarlle as súas queixas de maneira presencial. A valedora quere convidar os veciños e veciñas desta localidade, e de toda a comarca de Valdeorras, a participar na sesión na que lle poderán expoñer, de primeira man, os problemas que lles afectan e iniciar a tramitación das súas queixas. A participación dos veciños é un dos aspectos que enriquece este tipo de actividades. Desde a institución xa se cursaron invitacións ás principais entidades do tecido asociativo da localidade, representantes veciñais, entidades económicas, culturais e sociais pero a idea é que calquera persoa que o desexe poida asistir.

Milagros Otero Parga dá continuidade deste xeito ao programa de achegamento á cidadanía posto en marcha tras a súa chegada á institución fai algo máis dun ano. Na primeira etapa do mesmo, a valedora desprazouse a Ourense, A Coruña, Ferrol e Pontevedra. Tras o éxito conseguido nestas localidades cursou a súa invitación a outros municipios da nosa comunidade. Moitas das queixas presentadas de maneira presencial polas persoas nestes encontros atoparon solucións para os reclamantes dunha maneira áxil e satisfactoria.

O Barco de Valdeorras é a sexta cidade que a defensora visita no marco do programa de achegamento que promove o Valedor do Pobo e que, nesta segunda fase, levaraa a manter encontros semellantes nas próximas semanas en Monforte, Oleiros ou Carballo, que xa confirmaron a súa disposición.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal