Milagros Otero Parga acubillou unha xornada organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico hoxe na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, tomou parte hoxe na xornada sobre os aspectos económicos e legais da condución asociada ao consumo de drogas celebrada na Facultade de Dereito de Santiago a iniciativa da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
O encontro, dirixido ao alumnado en xeral, abordou contidos relacionados coas consecuencias da condución de vehículos baixo os efectos do alcol e outras drogas. O obxectivo non foi outro que sensibilizar á poboación universitaria de Galicia sobre o grave perigo que supón o consumo de substancias unido á condución de vehículos.
Con este tipo de iniciativas apoiadas sempre pola valedoría, trátase de lograr un posicionamento activo da mocidade galega para que gañe conciencia da importancia de conducir de xeito responsable evitando realizar unha práctica de alto risco como é poñerse ao volante baixo os efectos das drogas.
Os asistentes á xornada puideron coñecer a análise que desde a DGT se fai desta problemática así como atender ás experiencias e recomendacións achegadas polo xefe o sector de tráfico de Galcia na Guardia Civil. Tomaron a palabra tamén representantes de empresas aseguradoras, especialistas en dereito penal e o fiscal de seguridade vial de Galicia.
A xornada celebrouse de 10 a 13.30 horas na Facultade de Dereito de Santiago.
The comments are closed.