A valedora do pobo amplía ás tardes o seu servizo de atención presencial á cidadanía

15 Setembro, 2015 Institución, Novas

A oficina da nova valedora do pobo, Milagros Otero Parga, permanecerá desde hoxe aberta tamén en horario de tarde. A recentemente nomeada defensora dos galegos decidiu ampliar o horario de atención presencial ao público, que ata o de agora se limitaba as mañás. Deste xeito os cidadáns que se acheguen ao Valedor do Pobo, para presentar as súas queixas ou realizar consultas, atoparán as portas abertas en horario de 9 a 14 horas e de 16.30 a 19 horas.

A iniciativa parte do desexo da nova titular da valedoría de fomentar máis o achegamento da cidadanía a esta institución. Deste xeito a oficina disporá en todo momento de persoal administrativo e técnico para poder atender as peticións das persoas que entren pola porta. Con carácter presencial poderán realizar cantas consultas lles sexa preciso, tanto en relación aos seus dereitos como sobre o funcionamento das diferentes administracións públicas de Galicia. Tamén poderán rexistrar as súas queixas ou cumprimentar un formulario no que deixen constancia do reclamado.

A pesares de que a atención presencial se amplía, a oficina do Valedor do Pobo permanece aberta as 24 horas na súa páxina web: www.valedordopobo.gal e mesmo nos seus perfís de Facebook e Twitter. Por todas estas canles os cidadáns poden achegar as súas peticións á valedora do pobo, recibindo resposta case de xeito inmediato.

É a primeira vez que a oficina do Valedor do Pobo implanta un horario vespertino de atención ao público. Esta iniciativa é a primeira dun conxunto de medidas que a actual valedora quere artellar nos vindeiros meses co obxectivo de achegar máis a institución ao pobo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal