A valedora do pobo actúa de oficio ante a inseguridade coa que 10.000 alumnos galegos afrontarán o próximo mes de xuño a proba que substitúe á antiga selectividade

05 Abril, 2017 Institución, Novas

A valedora do pobo dirixiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que aclare aspectos que poden incidir nos dereitos académicos do alumnado e na súa seguridade xurídica.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017. A valedora do pobo abriu unha investigación de oficio ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que aclare aspectos sobre a futura proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), substituta da antiga selectividade, que realizarán uns 10.000 alumnos galegos os próximos  7, 8 e 9 de xuño.

A publicación o pasado 27 de marzo da resolución administrativa coas instrucións para a realización neste curso da ABAU introduciu elementos que, tal e como puido coñecer a valedoría, poden estar a vulnerar os dereitos académicos dos estudantes e mesmo cuestionar a seguridade xurídica do proceso.

Unha das preocupacións garda relación coa proximidade da convocatoria e o descoñecemento ata o de agora dos detalles da súa realización material.

Entre outros aspectos contraditorios, a valedoría subliña as previsións para a exención na materia de Lingua Galega e Literatura nesta proba. A actual resolución limita esta opción aos alumnos exentos no segundo curso de Bacharelato, cando unha orde en vigor (Orde de 24 de marzo de 2011) inclúe aos bachareis que estiveran fóra de Galicia ou exentos nalgún dos dous cursos do Bacharelato.

A resolución, tal e como expón a valedora do pobo, tampouco aclara a situación do alumnado que repetiu o segundo curso de Bacharelato, estando matriculado soamente das materias que non superou. Non queda claro se este alumnado ten a obriga de se presentar á ABAU para acceder á universidade. En caso afirmativo, os estudantes terían que examinarse de materias xerais de carácter troncal que non cursaron nos seus respectivos plans de estudos ao abeiro da Lei Orgánica de Educación (LOE).

Outro grupo de alumnos que enfrontan a situación con incerteza está integrado polas persoas que tendo rematado o Bacharelato no curso pasado non se presentaron ou non superaron a selectividade. As previsións coñecidas declaran exento da avaliación a estes bachareis pero non se especifica se teñen ou non posibilidade de mellorar a súa nota presentándose ás materias na parte obrigatoria ou voluntaria.

A institución do Valedor do Pobo considera “contrario a principios básicos do ordenamento” que, cunha escasa marxe de dous meses, se estean a modificar os parámetros de ponderación das materias avaliables ás que se pode presentar o alumnado con carácter voluntario. Moitos alumnos elixiron xa no primeiro curso de Bacharelato as que lles interesaban en función da súa orientación universitaria. Estas ponderacións están aínda pendentes de aprobación polos respectivos consellos de goberno do Sistema Universitario de Galicia.

Desde o alto comisionado parlamentario galego se considera que os actos administrativos desenvolvidos apenas unhas semanas antes da realización da ABAU supoñen un importante impacto nas persoas destinatarias. Tal e como lle trasladaron os afectados, se agardaban medidas transitorias que prexudicasen o menos posible ao alumnado.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal