A valedora diríxese aos tres reitores para investigar os problemas de cobertura de prazas docentes nos campus universitarios galegos

02 Marzo, 2016 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, iniciou hoxe unha investigación para coñecer a situación na que se atopan os profesores acreditados a catedráticos e titulares no ámbito do Sistema Universitario Galego así como os problemas de cobertura de prazas docentes que están a producir descontento na comunidade universitaria. No marco da actuación, a valedora diríxese aos tres reitores galegos co obxecto de recadar datos que permitan coñecer as previsións coas que se traballa na nosa comunidade para cubrir esa demanda de cátedras, paralizada na actualidade, e garantir a calidade da docencia e da investigación.

Tal e como indica Milagros Otero no seu escrito, a situación non debería prolongarse máis no tempo , xa que podería chegar a afectar “de xeito irreversible” á calidade da ensinanza universitaria e ó dereito a desenvolver unha una carreira académica equilibrada y coherente dos profesionais. “Desde a institución enténdese que o capital humano da Universidade –os seus estudantes, profesores e persoal de administración e servizos- ten sido sempre e debe seguir sendo eixo fundamental sobre o que aséntase a Universidade”, indica a valedora do pobo, que engade que, polo mesmo, debe ser especialmente protexido, sen que iso supoña, loxicamente, descoidar as súas outras necesidades.

Coñecer a planificación

A institución do Valedor do Pobo abriu unha actuación de oficio para recadar das tres universidades galegas datos que permitan coñecer a situación actual e a planificación das necesidades docentes e investigadoras para mellorar, de xeito gradual pero constante, a política de profesorado. “Estamos nun contexto de restricións orzamentarias que entendemos, sen embargo aínda neste caso, a prioridade debe ser a calidade da docencia e da investigación como razón de ser das institucións universitarias, por encima doutros capítulos de gasto”, indica a alta comisionada parlamentaria.

Tal e como lembra a institución do Valedor do Pobo, a Lei Orgánica de Universidades, que desenvolve o contido esencial do dereito á educación superior, declara na súa exposición de motivos que o profesorado é a pedra angular da Universidade. Neste sentido adopta medidas consideradas prioritarias para a comunidade universitaria, garantindo os principios de igualdade, mérito e capacidade na selección do profesorado funcionario e contratado, e articulando distintos mecanismos que para asegurar un ensino de calidade.

Existe na actualidade un sistema de selección máis aberto, competitivo e transparente, para mellorar a calidade a través dun proceso de habilitación que outorga prioridade aos méritos docentes e investigadores dos candidatos, garante a obxectividade nas probas de selección do profesorado e respecta a autonomía das Universidades ao establecer estas os procedementos de acceso aos corpos docentes dos profesores que fosen habilitados, segundo a súa programación e necesidades.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal