A valedora diríxese a Sanidade para coñecer as medidas que prevé para garantir a boa atención urxente á cidadanía durante o pico da gripe

02 Febreiro, 2016 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2016. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, diríxese con data de hoxe á Consellería de Sanidade co obxecto de coñecer o dispositivo que ten previsto cara a evitar a posible saturación dos servizos hospitalarios de urxencias por mor do pico da gripe previsto para estes primeiros quince días de mes. A masiva afluencia que cada ano rexistran os servizos de atención urxente, nos momentos de maior incidencia das enfermidades invernais, provoca desde hai anos ducias de queixas no rexistro desta institución. Nelas a cidadanía amosa o seu malestar por deficiente atención, polas condicións da espera e polas demoras na prestación do servizo.

A institución do Valedor do Pobo iniciou unha actuación de oficio para coñecer de que xeito o executivo autonómico está a previr a posible saturación nestas áreas. Coñecedora de que a Consellería de Sanidade dispón dun plan de continxencias, a alarma social que as situacións de colapso nos servizos de urxencias hospitalarios xera na poboación máis vulnerable, lévaa a demandar esta información.

Os problemas detectados en tempadas pasadas animan á valedora do pobo  a solicitar datos concretos sobre os plans de continxencia e protocolos aprobados, así como a previsión de recursos e reforzos destinados a afrontar esta problemática de aumento considerable da demanda asistencial.

A Consellería dispón dun prazo legal de 15 días para facilitar a información demandada sobre a planificación existente en canto a dispositivos adecuados para afrontar os picos asistenciais coa chegada do inverno, a gripe e outras enfermidades propias desta época.

Aínda que o punto de maior incidencia das enfermidades invernais este ano chega máis tarde, a valedora do pobo desexa coñecer o dispositivo previsto polo executivo cara a evitar a recorrente saturación dos servizos de urxencia hospitalaria que cada ano dispara as queixas ante a valedoría

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal