A valedora diríxese a 200 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes para coñecer as atencións dispensadas á poboación rural en exclusión e recoller propostas de mellora

24 Maio, 2017 Exclusión social, Institución, Novas

Milagros Otero elevou unha consulta aos 200 concellos con menos poboación de Galicia para coñecer de que xeito abordan os seus servizos sociais a atención á poboación rural en exclusión social ou en risco de padecela. Con esta iniciativa a valedoría quere achegarse de oficio aos problemas da contorna rural que no último exercicio só supuxeron o 0,1% das queixas tramitadas.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, remitiu unha carta aos 200 concellos galegos cunha poboación inferior aos 5.000 habitantes. Quere coñecer de que xeito responden os seus respectivos servizos sociais aos casos de exclusión ou risco de exclusión da poboación rural de Galicia, coa idea de detectar problemas e recadar propostas de mellora.

A actuación é consecuencia da constatación da escaseza de queixas achegadas do medio rural ao Valedor do Pobo durante o exercicio 2016 e que foi evidenciada por todos os grupos parlamentarios durante a tramitación do informe anual da institución. Para a valedora esta realidade non é consecuencia de que a situación económica e familiar no rural sexa mellor que noutros ámbitos, senón todo o contrario. “Seguro que poderían dar orixe a queixas xustificadas e que permanecen agochadas”, explica no seu escrito dirixido ás alcaldías.

Con esta actuación, a valedoría pon o foco nos problemas relacionados coa exclusión social de familias e persoas que desenvolven a súa vida e actividade na contorna rural. Coñecedora do inxente traballo desenvolvido desde os servizos sociais municipais, por se atopar máis cerca desas situacións, Milagros Otero enxalza o seu papel fundamental na información, promoción e impulso dos medios dispoñibles para afrontar estes problemas.

“Sería de moito interese que por parte dese concello se achegue o seu criterio sobre a eficacia dos medios xerais postos a disposición das persoas en exclusión ou risco de exclusión social e sobre as medidas legais e/ou doutro tipo que deberían adoptarse para abordar adecuadamente os problemas que afectan ás persoas”, recolle o oficio.

A valedora invita ás autoridades municipais a achegar información útil que lle permita coñecer se o concello adoptou ou ten previsto iniciar medidas para identificar posibles casos de exclusión non postas de manifesto directamente polos afectados.

Hai máis dun ano que a institución do Valedor do Pobo trata de achegarse ás persoas que non viven na cidade da súa sede (Santiago) e organiza visitas a outras urbes e vilas de Galicia. Esta idea de se dirixir ás alcaldías dos concellos máis pequenos, vén complementar algunha das carencias que as persoas do rural lle achegan nas mesmas, relacionadas sobre todo coa precariedade de medios cos que contan.

As próximas accións de achegamento á cidadanía procurarán ter un enfoque que permita coñecer de primeira man os problemas que afectan de forma específica ao medio rural.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal