A valedora desprázase este 29 de marzo a Monforte nunha nova xornada de encontro coa cidadanía

28 Marzo, 2017 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017. A institución do Valedor do Pobo iniciou o pasado 3 de novembro a segunda fase do seu programa de visitas aos municipios que a levará este mércores, 29 de marzo, a Monforte de Lemos. O programa inclúe unha recepción na Casa do Concello por parte da Alcaldía e un encontro da valedora coa cidadanía, no que se poderán expoñer de maneira presencial as queixas.

Precisamente a valedora quere convidar os veciños e veciñas desta localidade, e de toda a comarca de Lemos, a participar na sesión na que lle poderán expor, de primeira man, os problemas que lles afectan e iniciar a tramitación das súas queixas.

Milagros Otero Parga dá continuidade deste xeito ao programa de achegamento á cidadanía posto en marcha tras a súa chegada á institución fai algo máis dun ano. Na primeira etapa do mesmo, a valedora desprazouse a Ourense, A Coruña, Ferrol e Pontevedra. Tras o éxito conseguido nestas localidades cursou a súa invitación a outros municipios da nosa comunidade. Moitas das queixas presentadas de maneira presencial polas persoas nestes encontros atoparon solucións para os reclamantes dunha maneira áxil e satisfactoria.

Este mércores 29 de decembro, Milagros Otero Parga manterá un encontro institucional ás 12.30 horas co alcalde de Monforte, José Tomé Roca. A continuación terá ocasión de coñecer á corporación e falar ante os medios locais.

A reunión coa cidadanía celebrarase en horario de 16:30 a 18:00 horas no salón de plenos do Concello. O acceso é libre para todas as persoas interesadas. A actividade permitirá aos veciños expoñer de maneira directa as súas queixas á defensora e poder analizar con ela as actuais políticas públicas tanto no campo municipal, como autonómico ou estatal.

A valedora quere convidar á cidadanía da comarca de Lemos a acudir a esta cita. A participación dos veciños é un dos aspectos que enriquece este tipo de actividades. Desde a institución xa se cursaron invitacións ás principais entidades do tecido asociativo da localidade, representantes veciñais, entidades económicas, culturais e sociais pero a idea é que calquera persoa que o desexe poida asistir.

Monforte é a oitava localidade que a valedora visita no marco do programa de achegamento que promove o Valedor do Pobo e que, nesta segunda fase, ademais levaraa a manter encontros semellantes en Oleiros ou Chantada, que xa confirmaron a súa disposición.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal