Milagros Otero entrevistarase ás 12.00 horas co alcalde e membros da Corporación Municipal na Casa do Concello. A partires das 16.00 manterá un encontro aberto coa cidadanía no que atenderá en persoa as queixas e consultas de todos as persoas interesadas.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrará este venres, 16 de novembro, en Vilaboa (Pontevedra) unha nova xornada para achegar a institución do Valedor do Pobo á cidadanía. O encontro comezará ás 12 horas na Casa do Concello onde se celebrará unha recepción institucional. Xa pola tarde, a valedora desprazarase á Casa da Cultura de Riomaior para atender en persoa as preguntas, queixas ou consultas que a cidadanía desexe achegarlle.
A institución do Valedor do Pobo celebra unha nova xornada de traballo fóra das súas oficinas de Santiago de Compostela. Trátase de achegar os seus servizos á cidadanía nos seus lugares de residencia e de poder coñecer os seus problemas nos lugares onde se producen.
Este venres, 16 de novembro, tócalle o turno ao Concello de Vilaboa. A partires das 12.00 horas, a valedora do pobo participará nunha recepción institucional na Casa do Concello. Na mesma, Milagros Otero Parga, entrevistarase co alcalde e membros da corporación municipal co fin de establecer canles fluídas de comunicación e tratar algúns dos asuntos contidos nas queixas que afectan a este concello.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, a valedora desprazarase á Casa da Cultura de Riomaior, onde a propia valedora presidirá un encontro aberto a todas as persoas interesadas tanto de Vilaboa coma de municipios limítrofes.
A oficina do Valedor do Pobo convida a veciñas e veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro programado na Casa da Cultura de Riomaior entre as 16.00 e as 18.00 horas. A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados. Alí poderán presentar publicamente queixas, suxestións ou facer comentarios sobre asuntos que lles preocupen e que garden relación coas actuacións dos poderes públicos. Milagros Otero contestará en persoa a cada unha das cuestións que se lle expoñan.
A valedora emitiu carta de invitación ás entidades que conforman o tecido asociativo da localidade e deuse publicidade á visita nos principais taboleiros informativos do termo municipal.
Un dos obxectivos deste tipo de visitas consiste en tender pontes entre o Valedor do Pobo e as autoridades locais para manter unha comunicación fluída á hora de dar resposta áxil e eficaz ás queixas que lles afectan.
O segundo propósito consiste achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas. E facelo conforme ao principio de proximidade que defende a titular, Milagros Otero Parga.
A visita a Vilaboa forma parte do programa de encontros que con periodicidade mensual a titular da institución realiza nun concello de Galicia. A oficina do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Vilaboa para organizar a xornada.
Nos últimos meses a defensora trasladouse a Boqueixón, Tomiño, Cervo, Guitiriz ou Carballeda de Avia, entre outras localidades.
The comments are closed.