A valedora comprométese a estudar a realidade da escolarización hospitalaria e domiciliaria dos rapaces que padecen enfermidade

11 Xaneiro, 2016 Dereitos, Menores, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, reuniuse o pasado venres con representantes da Confederación de Anpas Galegas, para tratar a necesidade de atención educativa que precisan os escolares que padecen enfermidades. Froito dunha longa e cordial xuntanza, a defensora dos galegos comprometeuse a poñer a experiencia acumulada pola institución do Valedor do Pobo nos últimos anos en mans dun grupo de traballo que someta a análise as necesidades educativas dos rapaces enfermos, tanto no ámbito hospitalario como domiciliario.

Trátase de tentar de mellorar a atención escolar que reciben os alumnos que teñen que permanecer afastados dos seus centros por motivo de diferentes doenzas, ben en réxime de ingreso hospitalario ou nos propios domicilios. Para a valedora o máis importante é que estes estudantes poidan ter cuberto, con todas as garantías, o seu dereito á educación.

A institución do Valedor do Pobo conta cunha ampla traxectoria de máis de 20 anos tramitando queixas relacionadas con cuestións educativas, moitas delas resoltas con axilidade. É intención da súa titular, Milagros Otero, tender pontes tamén no caso dos alumnos enfermos, garantindo, na medida do posible, o seu rendemento escolar e seguimento da programación. Nos próximos días contactará cos responsables da consellería do ramo cara a artellar posibles opcións de mellora da atención escolar a estes rapaces. Confía na boa dispoñibilidade dos responsables educativos cara a poder realizar un estudo de necesidades e compoñer un grupo de traballo multidisciplinar sobre estas cuestións.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal