A valedora celebrou un novo encontro aberto á cidadanía en Viveiro

04 Novembro, 2016 Institución, Novas, Transparencia

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladouse este xoves 3 de novembro á localidade de Viveiro para manter unha nova xornada de encontro coa cidadanía. A actividade, programada na Casa do Concello, permitiu aos interesados expor de xeito directo as súas queixas á valedora e poder analizar con ela as actuais políticas públicas tanto no eido municipal, como autonómico ou estatal.

A visita levou primeiramente á valedora, Milagros Otero Parga, a manter un encontro institucional coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e co seu tenente de alcalde, Jesús Fernández.  No mesmo, os representantes públicos tenderon pontes cara a mellorar a atención á cidadanía e someteron a repaso algunhas das principais preocupacións da entidade municipal.

Xa pola tarde, ás 16 horas, a valedora do pobo, Milagros Otero Parga, presidiu a xornada de encontro coa veciñanza celebrada no salón multiusos da casa consistorial coa idea de aceptar as queixas que se formulasen nese recinto, tomar nota e atender a todas as peticións como se se presentasen por medio do rexistro da valedoría.

O encontro, que se prolongou por case 2 horas, permitiu formalizar un total de 11 reclamacións, aínda que un bo número de persoas tomaron a palabra para tratar asuntos de moi variada natureza.

Un grupo de veciños agrupados na plataforma “Salvar a Praia de Covas” explicou o problema que afecta a este areal que, tras o levantamento dun dique na zona, sofre un desprazamento da area que deixa desprotexidas varias vivendas próximas ao paseo marítimo que resultan anegadas en época de temporais ou mareas vivas. Unha solución provisional pasa polo transvasamento de area, unha medida comprometida por Portos de Galicia que acumula máis de mes e medio de atraso, pola demora das autorizacións do departamento estatal de costas.  Milagros Otero  prometeulles mediar ante a Xunta e o Estado para tratar de axilizar un remedio temporal á degradación da praia.

Outra das cuestións que achegaron os viveirenses á valedora ten relación coas consecuencias do afundimento do barrio de O Celeiriño hai oito anos. Unha das familias afectadas relatou que ata hai tres anos o Concello pagaba o aluguer doutra vivenda, que agora corre da súa conta. No encontro de Viveiro, Milagros Otero puido coñecer outros dous casos de afectados e, aínda que non ten capacidade legar de intervir en casos xulgados polos tribunais (como ocorre aquí), estudará o asunto para tentar de “abrir algunha porta máis” para axudar a estas persoas.

Os veciños de Viveiro tamén denunciaron públicamente e por medio das súas queixas outros problemas que lles afectan como a dificultade de acceso a casas en Xunqueira, os atrancos para se expresar en galego ante o Xulgado de Viveiro ou a escaseza de liñas de tren e autobús que permitan desprazarse desde Viveiro a outros puntos da comarca e ás cidades máis próximas.

Outro viveirense protagonizou a entrega simbólica á valedora dun niño de avespa velutina para reivindicar a necesidade de  combater este problema de seguridade cidadá e de reforzar a loita contra as mesmas.

Milagros Otero examinará todas estas queixas con carater inmediato, tal e como comunicou aos asistentes, máis de medio cento de persoas.

Viveiro é a quinta localidade que a valedora visita desde que pouco despois da súa toma de posesión, o 2 de setembro de 2015, estrease un programa de achegamento á cidadanía galega. Nos próximos meses desprazarase a O Barco, Monforte, Oleiros ou Carballo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal