A valedora celebra o 24 de novembro unha xornada de atención á cidadanía en Carballeda de Avia (Ourense)

17 Novembro, 2017 Institución, Novas, Transparencia

Milagros Otero aproveitará a visita a este municipio para se reunir co alcalde e membros da corporación municipal e visitar algunhas das zonas máis afectadas nesta zona pola vaga de lumes que sufriu Galicia hai un mes.


Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase o próximo venres 24 de novembro á localidade ourensá de Carballeda de Avia. A institución invita a todos os interesados na localidade a participar ese día nun encontro de atención directa á veciñanza. Atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar os carballedeses nunha xuntanza que se celebrará entre as 16.00 e as 18.00 horas no Salón de Actos do Concello.

O programa da valedora do pobo incluirá unha visita a algunhas das zonas máis afectadas pola vaga de lumes que hai un mes sufriu Galicia e que afectou especialmente a núcleos deste municipio. O alcalde, Luís Milia Méndez, guiará a Milagros Otero e a membros da súa equipa por algúns dos puntos negros dos incendios na localidade, sita na comarca do Ribeiro.

A valedora visitará tamén a Casa do Concello (12.00 horas) onde se entrevistará coa alcaldía e cos membros da Corporación Municipal e deixará constancia da visita no libro de sinaturas municipal.

O obxectivo da visita in situ consiste en achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.

Aínda que se fixo chegar invitación a través do Concello, a oficina do Valedor do Pobo convida ás aviás e aviaos de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao Concello.  A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados de 16.00 a 18.00 no salón de actos da casa consistorial.

Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a comunicacion@valedordopobo.gal.

A visita a Carballeda de Avia forma parte do programa de encontros que cada mes a titular da institución realiza nun concello de Galicia con especial interese, nos últimos tempos,  en coñecer os que teñen unha configuración máis rural. A institución do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Carballeda para organizar o encontro.

Nos últimos meses a defensora trasladouse a Láncara, Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras, Carballo ou Viveiro entre outras localidades. Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal