A valedora celebra este 19 de xullo unha nova xornada de atención á cidadanía no concello lugués de Láncara

14 Xullo, 2017 Institución, Novas

Milagros Otero aproveitará a visita a Láncara para se reunir co alcalde e membros da corporación municipal e achegar a institución á veciñanza.  A valedora invita a todas as persoas desta comarca a exporlle as súas queixas e participar nunha sesión aberta ao público a partires das 16.30 horas no Polifuncional do Campo da Feira en A Pobra de San Xiao.


Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase este mércores 19 de xullo á localidade luguesa de Láncara. O programa da visita comezará na Casa do Concello onde se entrevistará coa alcaldía e cos membros da Corporación Municipal. Xa en horario de tarde desprazarase ao Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao onde celebrará un encontro aberto a todas as persoas que desexen acudir.

A valedora do pobo desprazarase á comarca de Sarria este 19 de xullo onde atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar os veciños. O encontro celebrarase entre as 16.30 e as 18 horas no recinto Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao. Previamente reunirase co alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, ás 12 horas na Casa do Concello, coñecerá aos membros da Corporación municipal e deixará constancia da visita no libro de sinaturas municipal.

O obxectivo da visita in situ non é outro que o de achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.

Achegar servizos

A valedoría quere xuntarse coas autoridades locais e con asociacións e cidadáns residentes na comarca para coñecer as particularidades e as necesidades específicas desta poboación e da súa contorna.

Aínda que se cursaron invitacións aos principais representantes do tecido asociativo da zona, a oficina convida a veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao Polifuncional a partires das 16.30 horas.  O persoal do Valedor do Pobo estará a dispor dos interesados de 16.30 a 18.00 no recinto situado na Rúa Campo da Feira s/n.

Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a comunicacion@valedordopobo.gal.

A visita a Láncara forma parte do programa de encontros que cada mes a titular da institución realiza nun concello de Galicia con especial interese, nos últimos tempos,  en coñecer os que teñen unha configuración máis rural. Nesta ocasión foi a propia alcaldía a que, nun recente encontro coa Valedora do Pobo, brindou a súa colaboración a Milagros Otero para organizar o encontro. Nos últimos meses a defensora trasladouse a Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras, Carballo ou Viveiro entre outras localidades. Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal