Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2015. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, desprázase este mércores, 25 de novembro a A Coruña para celebrar o segundo dos seus encontros coa cidadanía, no marco do programa de descentralización da oficina aberto despois da súa toma de posesión o pasado 2 de setembro. Milagros Otero atenderá aos veciños que o desexen no Auditorio do Centro Cívico de Os Mallos, en horario de 16.30 a 18 horas.
A visita comezará ás 11.00 horas na sede do Concello de A Coruña onde a titular da institución do Valedor do Pobo será recibida polo alcalde, Xulio Ferreiro, con quen manterá un encontro de traballo sobre asuntos de interese mutuo. Xa pola tarde, a partires das 16.30 horas, Milagros Otero falará aos cidadáns sobre as funcións e utilidade da institución e dará resposta a todas as súas queixas e ou/ dúbidas ao respecto de problemas que lles afectan.
Durante a última semana, a institución do Valedor do Pobo cursou invitacións a gran parte das entidades sociais, veciñais e culturais da cidade. Confirmaron a súa asistencia máis de 50 representantes de colectivos de moi diversa natureza, que representan a inmigrantes, persoas en exclusión social, cidadáns de diferentes barrios, entidades culturais, mulleres, discapacitados, menores de idade, etc. A iniciativa, non obstante, está aberta a todas as persoas que desexen participar.
A visita de Milagros Otero Parga a A Coruña é a segunda das que ten programadas a concellos despois da posta en marcha da súa iniciativa de achegamento ás persoas, que a levará a manter encontros periódicos coa cidadanía nos seus lugares de residencia. Xa remitiu invitacións aos alcaldes dos sete principais concellos da comunidade, aínda que a idea consiste en estender o programa a todos os recunchos da nosa xeografía. Ourense foi a primeira localidade en por a dispor da valedora a infraestrutura necesaria, seguida de A Coruña e Ferrol, enclave que visitará a oficina móbil da valedora nas vindeiras semanas.
Un dos obxectivos da nova valedora pasa por afirmar a súa contribución á creación dunha auténtica cultura de dereitos entre a poboación e transmitir cales son os mecanismos para poder exercelos. A súa vontade consiste en facelo con base no principio de proximidade, en contacto directo coa poboación xa que a cidadanía, como quere facer chegar aos alcaldes, ten dereito a unha presenza achegada da valedora.
Milagros Otero apela á colaboración dos concellos nesta primeira fase de encontros. As actividades de atención directa á veciñanza celébranse de xeito presencial, e con participación da valedora, en espazos municipais de carácter veciñal, cultural ou social que determinen as institucións.
Desde o Valedor do Pobo considérase que a defensa dos dereitos humanos debe ser unha tarefa a desenvolver en rede, con implicación de todos os axentes públicos. Convídase aos municipios interesados en contar coa visita da valedora a solicitalo por medio do correo electrónico: valedor@valedordopobo.gal.
The comments are closed.