A valedora atendeu máis queixas do rural e iniciou 224 queixas de oficio nun ano no que se rexistraron un total de 34.415 actuacións de atención á cidadanía

13 Abril, 2018 Institución, Novas

INFORME ÍNTEGRO (DESCARGAR)

A institución atendeu as queixas de 29.365 persoas en 2017. O 12% foron promovidas por persoas residentes en contornas rurais. Promovéronse máis queixas de oficio ca nunca. Sanidade e corporacións locais, cun 12% cada unha, foron as áreas temáticas máis activas.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga,  entregou hoxe o Informe Anual 2017 ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Posteriormente, compareceu ante os medios para dar conta das cifras e aspectos máis salientables do documento. O Informe Anual recolle a actividade despregada pola institución durante 2017. O número xeral de actuacións de atención á cidadanía (queixas, atención telefónica e presencial) foi de 34.415. Delas, 29.365 deron lugar a expedientes de queixa, o que permitiu ao alto comisionado parlamentario investigar un total de 2.359 situacións problemáticas.

O 12% das queixas procederon de contornas rurais, o que supón un crecemento exponencial respecto de 2016, no que apenas supuxeron o 0,1%. O 2017 converteuse no ano no que a valedoría mirou de cerca ao rural galego e apostou pola atención as súas problemáticas específicas.

Durante 2017 a institución admitiu o 98% das queixas achegadas pola cidadanía. Emitíronse máis recomendacións que en exercicios precedentes, un total de 106. No 76% dos casos as administracións afectadas aceptaron a resolución.

As queixas de oficio, promovidas directamente polo Valedor do Pobo, creceron ata elevarse ás 224, cifra nunca acadada con anterioridade. Investigáronse máis asuntos ca nunca por parte da valedoría. Unha ampla actuación permitiu coñecer de primeira man o funcionamento dos mecanismos de  protección social en 200 concellos con menos de 5.000 habitantes.

Produciuse, por outra banda, un salto cuantitativo na chegada de queixas por vía electrónica (páxina web do Valedor do Pobo e correo electrónico) ao pasaren do 3% do exercicio anterior, ao 12%.

En función da área temática coa que se relacionan as queixas presentadas, Sanidade e Corporacións locais acaparan cadanseu 12% no reparto total; seguidas por servizos sociais, cun 10%. A queixa máis numerosa, promovida por 13.000 persoas,  trasladou á institución a petición dunha reforma constitucional para garantir a revalorización e a sustentabilidade do sistema de pensións.

Por administracións implicadas nas reclamacións, o 74,5% das queixas afectaron a órganos da administración autonómica (en 2016 ocuparan o 98%), o 23% a concellos (ano anterior o 1.5%) e algo máis do 2% ás universidades galegas (en 2016, o 0,03%).

Institución proactiva

A institución do Valedor do Pobo consolidouse como un instrumento público que actúa con proactividade, empatía e proximidade na defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía.

A valedoría conseguiu avanzar en 2017 nos seus obxectivos de chegar a máis persoas no medio rural, iniciar máis actuacións de oficio e tentar de tramitar as queixas con maior efectividade. Para seguir nesta liña, a valedora chamou ás administracións a colaborar máis e con maior rapidez coa valedoría na idea de que unha administración que chega tarde non conseguirá solucionar os problemas da cidadanía.

 ACTUACIÓNS DESTACADAS

 Citas telefónicas do Sergas

En 2017, 4.000 persoas que se dirixiron á valedora do pobo en demanda dunha alternativa ao complexo sistema telefónico de cita previa do Sergas conseguiron unha resposta favorable. A administración aceptou estudar alternativas, toda vez que as barreiras tecnolóxicas que enfrontan os usuarios de maior idade ou con discapacidade non poden facelos quedar desprotexidos.

Necesidades do rural

O programa de visitas presenciais da valedora aos concellos completouse este ano co traslado a municipios máis pequenos e cunha configuración máis rural. Nas mesmas puxéronse de manifesto, entre outras, necesidades específicas como as relativas á propiedade veciñal dos montes, á súa limpeza, ao transporte público por estrada, ao persoal en puntos de atención continuada (especialmente escaseza de pediatras) e mesmo á fenda que aínda fai que en puntos de Galicia exista poboación carente de teléfono fixo, sen cobertura de móbil ou da Internet e con subministración eléctrica deficiente afectada por cortes frecuentes.

Queixas de oficio

A cifra de queixas de oficio subiu das 21 iniciadas en 2016 a 224 en 2017. A institución do Valedor do Pobo investigou a propia iniciativa cuestións que teñen unha repercusión grande na poboación como os prezos dos comedores escolares, a cota de reserva para persoas con discapacidade nas convocatorias de setembro nas universidades galegas, a repartición de cotas de pesca para a Comunidade Autónoma, a incorporación da lingua galega aos manuais das autoescolas, a praga da couza da pataca ou os atrasos nas valoracións de discapacidade.

Escoitar ás mulleres

O pasado 8 de marzo produciuse un punto de inflexión con respecto á muller e ao seu dereito a non ser discriminada en ningún ámbito da súa vida.  A valedora do pobo asume que hai que facer máis para cambiar estruturas e fomentar a co responsabilidade real na nosa comunidade. Son necesarias políticas sociais e económicas de apoio á muller e ás familias pois sen nenos ningunha política pública ten futuro. A institución está firmemente comprometida na defensa real e efectiva da igualdade e creou neste 2018  unha área específica de igualdade.

Lumes

A institución traballou da man da administración para flexibilizar a concesión das axudas ás persoas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia e adaptalas aos bens calcinados. Visitou partes da Galicia queimada e púxose a carón das persoas que loitaron contra o lume nos momentos máis difíciles. En Carballeda de Avia tivo ocasión de coñecer as particularidades dos bens que arderon e obtivo o compromiso da Xunta de axilizar a tramitación das compensacións para facilitar os procedementos abertos.

 Apoio á discapacidade

O informe 2017 evidencia o apoio incondicional da valedoría ás persoas con algún tipo de discapacidade. A institución rematou un informe extraordinario sobre accesibilidade que será presentado proximamente na Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia.

Nel participaron as distintas entidades do terceiro sector máis representativas da discapacidade visual, acústica, física, psíquica e intelectual. Completaron, con rigor máximo, unha radiografía que achegará aos poderes públicos aos problemas reais aos que teñen que enfrontarse as persoas con algún tipo de dificultade.

Nova selectividade: ABAU

Máis de mil estudantes dirixíronse á valedora do pobo antes da celebración da nova selectividade, a denominada ABAU, ao coñecer con moi pouco tempo a forma e contidos desa proba nova, o que lles deixaba desamparados. A institución defendeu coa súa actuación o respecto aos principios de calidade, transparencia, eficacia e certeza do proceso, cara a evitar que os 10.000 aspirantes viran limitadas, froito da inseguridade xurídica,  as súas posibilidades de obter a nota media necesaria para acceder á titulación da súa preferencia.

Para a convocatoria de setembro, a institución conseguiu que a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) adaptase os tempos, os modelos de exame, os descansos e o apoio de persoal docente durante o curso das probas para os estudantes con necesidades educativas especiais.

Transparencia

O firme compromiso que a institución do Valedor do Pobo mantén coa transparencia supuxo para a institución recibir por segundo ano consecutivo o premio Transparencia Publica á valedoría máis transparente de España dada a ampla información pública difundida por medio do seu portal da transparencia.

A Comisión da Transparencia, pola súa banda, é o órgano colexiado adscrito ao Valedor do Pobo e presidido pola propia valedora, encargado do control do efectivo cumprimento do dereito á información pública da cidadanía galega. Iniciou a súa andaina en maio de 2016, duplicando no exercicio 2017 a tramitación de reclamacións que sumaron as 132, resolvéndose en favor dos reclamantes máis da metade das mesmas.

O órgano de control da transparencia conseguiu en 2017 contestar en prazo todas as reclamacións recibidas, a pesares do incremento na chegada das mesmas.

ALGÚNS CASOS DE ÉXITO

O Valedor do Pobo conseguiu no exercicio 2017 dar efectividade a dereitos das persoas en numerosas circunstancias nas que estas estaban especialmente desprotexidas. Vaian como exemplo os seguintes casos:

Permuta de docentes interinos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aceptou unha recomendación da institución do Valedor do Pobo para regular o intercambio temporal de destino de docentes con independencia da súa condición de interinidade. A adaptación desa figura aos perfís propios do persoal interino permitiu eliminar a diferenza de trato existente respecto dos docentes funcionarios. Con esta medida ademais a Xunta de Galicia respondeu a un dos mandatos da Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establecendo nos seus centros e servizos medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das empregadas e empregados públicos con responsabilidades familiares.

Transvasamento de area en Covas (Viveiro). A alcaldía de Viveiro e unha plataforma cidadá pediron axuda á valedora do pobo nunha visita presencial a Viveiro para acelerar un transvasamento de area na praia de Covas, no casco urbano, que permitira protexer o areal e as casas próximas afectadas por asolagamentos en días de temporal.

A institución iniciou unha actuación ante a Consellería do Mar, que concluíu meses despois tras informar este departamento da Xunta de Galicia que asumiría o transvase de 30.000 metros cúbicos de area do extremo onde se acumula con maior facilidade ao outro extremo da praia, no que se detraía a area, afectando á seguridade das vivendas próximas. As obras foron financiadas na súa integridade por Portos de Galicia.

Accesibilidade auditiva. A Consellería de Sanidade aceptou unha suxestión da valedora do pobo para se coordinar con Política Social na mellora da accesibilidade a dependencias e a servizos sanitarios de persoas con problemas de audición. Trátase de garantir o acceso destes cidadáns aos espazos sanitarios en condicións de igualdade. A actuación da valedoría foi iniciada a instancia da Asociación de Xordos de Galicia (XOGA) que presentou unha queixa na institución pola ausencia de bucles magnéticos e polo reducido número de intérpretes de signos a dispor dos usuarios da sanidade.

Equiparación de dereitos na incapacidade e discapacidade. A Xunta de Galicia aceptou unha suxestión da valedoría que permitirá o pleno recoñecemento dos seus dereitos como discapacitadas ás persoas que teñen recoñecida incapacidade laboral pola Seguridade Social. Os cidadáns declarados incapaces laborais pola Seguridade Social víanse privados de poder acreditar a súa discapacidade, a pesares de ter equiparación legal. Algunhas administracións, especialmente provinciais,  condicionaban o seu acceso a determinados beneficios fiscais (como a exención do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica-IVTM) ao non dispor dun documento autonómico válido ante todas as administracións que lles recoñecera un grao de discapacidade mínimo do 33%, aínda que a normativa reguladora dese por bos os expedidos pola Seguridade Social. A Xunta de Galicia aceptou recoñecer a equiparación, independentemente da valoración obtida e conceder un certificado que afirme os dereitos das persoas con discapacidade por equiparación ante todas as administracións.

Información para contribuíntes. Ante pequenas disfuncións detectadas, a oficina do Valedor do Pobo conseguiu que a Deputación da Coruña mellore a información para os contribuíntes que teñen domiciliados os recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) nas entidades bancarias e que esta permaneza actualizada a semellanza da ofrecida pola páxina web da entidade provincial.

Accesibilidade á estación de trens de O Barco. A estación de trens de O Barco de Valdeorras carecía das condicións axeitadas de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, con discapacidade visual, auditiva e intelectual. Os afectados tiñan que desprazarse ás estacións doutras localidades como Monforte de Lemos ou Ponferrada para facer uso deste medio de transporte.

Grazas á intervención do Valedor do Pobo ADIF e RENFE fixeron as adaptacións solicitadas. Púxose a dispor da cidadanía unha rampla de acceso aos trens LP12 para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida así como o servizo Atendo,  de atención persoal a viaxeiros con discapacidade, aseos adaptados, vestíbulo e zona comercial accesible e plataformas adaptadas.

Fin ás fochancas nunha rúa de Monforte. A asociación de veciños de As Lamas de Monforte queixouse á valedora polo mal estado do pavimento da Rúa Manuel Murguía desa localidade. A rúa en cuestión ocupa un tramo urbano dunha pista de servizo da canle de regadío do Val de Lemos (marxe dereito do regadío) polo que na súa conservación estaban implicadas dúas administracións: o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A falta de acordo entre ambas as dúas administracións impedira manter en condicións este vieiro durante anos. Para reparar as fochancas, a confederación estaba disposta a costear a reparación integral nese tramos a cambio de que a titularidade do mesmo pasase a ser municipal ao remate das obras.

Tras a intervención da valedoría, a Confederación Hidrográfica finalmente accedeu ao bacheado do tramo afectado incluíndo o seu custo nos orzamentos para o exercicio 2017.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal